Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2020 | Actualizada ás 13:56
Nacionalistas e socialistas criticaron este mércores duramente ao PPdeG por propiciar "prácticas caciquís" ao impulsar a moción de censura en Viana do Bolo. Así, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao PPdeG de "abandonar calquera tipo de código moral" tras o acordo entre o grupo municipal dos populares e os exediles socialistas de Viana do Bolo (Ourense) contra o alcalde, Secundino Fernández, do BNG.
En resposta a unha pregunta sobre este pacto, Caballero manifestou este mércores que ao PP "todo lle vale e está a optar pola vía do transfuguismo" en varios concellos de Ourense porque "non respecta os acordos de rexeneración e contra o transfuguismo".
"Nós estamos contra todo este tipo de manobras. Fóra do PSdeG están e estarán todos aqueles que expoñan liñas de transfuguismo, que o PP parece aceptar, asumir e validar", resolveu.
O acordo para presentar a moción en Viana alcanzouse o pasado 18 de agosto e debaterase en pleno o día 1 de setembro. Nas pasadas eleccións municipais, populares e nacionalistas empataron a catro concelleiros, mentres que os socialistas obtiveron tres edís. Con todo, os acordos entre BNG e PSOE non frutificaron máis aló da votación para a investidura.
BNG
Pola súa banda, o BNG denuncia as "prácticas caciquís" do PP para facerse coa Alcaldía de Viana do Bolo. "O que está a acontecer na provincia de Ourense ao longo deste verán ten un claro responsable, que non é outro que Núñez Feijóo, xa que co seu beneplácito consente que o PP de Ourense, con José Manuel Baltar á fronte, leve a cabo prácticas absolutamente caciquiis e que corrompen a vontade popular", recrimina a deputada nacionalista por Ourense Noa Presas.
En rolda de prensa, Presas arremeteu contra o PP por "desposuír ao BNG das alcaldías" coa "pasividade e complicidade do PSdeG", que "permanece de perfil ante todo o que está a acontecer". A continuación, referiuse a a situación de bloqueo que, ao seu xuízo, propiciaron os edís populares e socialistas tanto neste mandato como no anterior en Viana do Bolo, á vez que mostrou o seu apoio ao rexedor do Bloque e aos seus concelleiros.
"TRAIZÓN AO POBO DE VIANA"
Pola súa banda, o alcalde do Bloque de Viana do Bolo, Secundino Fernández, tachou a moción de censura de "traizón ao pobo de Viana". "Vendeuse a vontade dos veciños, manipulando ese apoio social maioritario que reclamaba un goberno progresista e póndoo en mans do PP", lamenta.
Denuncia que o seu cinco anos estiveron marcados polo "acoso e derriba por parte de PP e PSOE", cunha "oposición frontal" na que "nunca houbo vontade de acordo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.