Por E.P. | Ferrol | 27/08/2020 | Actualizada ás 19:04
O pleno do Concello de Ferrol tivo que recorrer ao voto de calidade do alcalde para poder aprobar unha moción presentada polo grupo municipal de Ferrol en Común, na que reclamaba á Xunta "unha volta segura ás aulas", ademais dun texto do BNG, que foi votado por puntos, relativa ao protocolo de adaptación ao contexto do COVID-19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21.
A ausencia na sesión da edil socialista Ana Lamas motivou que os grupos do PSOE, no goberno, FeC e BNG sumasen doce votos, o mesmo número que o PP.
Previamente ao debate da moción, tomou a palabra no pleno a presidenta da Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra (Feanpas), Lorena Dapena, quen expuxo as reivindicacións do colectivo de cara ao comezo do curso.
En canto ao texto do BNG, este abordou por puntos, sendo por unanimidade de todos os grupos o esixir ao goberno municipal a convocatoria urxente, na primeira semana de setembro, do Consello Escolar Municipal para "abordar a situación dos centros de ensino e da comunidade escolar ante o inicio do curso escolar no actual contexto sanitario e medidas a adoptar".
Ademais, tamén votaron todos os grupos a favor de "apoiar as reivindicacións das Anpas abrindo con urxencia por parte da Xunta un diálogo para resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021", o mesmo que "dar traslado do presente acordo á Xunta, á Fegamp e a Federación Comarcal de Ferrolterra de Anpas de centros púbicos".
AXUDA ECONÓMICA NA LIMPEZA
Por outra banda, tamén foi necesario recorrer de novo ao voto de calidade do alcalde para sacar adiante outra moción para "mostrar o rexeitamento ao protocolo COVID-19 no ámbito da educación, aprobado pola Xunta, así como apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia".
Pola súa banda, o grupo municipal do PP rexeitou "esixir á Xunta a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello, a causa do coronavirus, asumindo a totalidade do sobrecusto", o mesmo que apoiar "o manifesto da Confederación Anpas Galegas sobre o inicio do curso 2020-2021 e instar o goberno local a escoitar as demandas da Federación Comarcal de Ferrolterra de Anpas de centros públicos".
BANDA DE MÚSICA
Outra das mocións presentadas por Ferrol en Común reclamaba "a recuperación da Banda Ferrolá de Música", xa que os seus integrantes denunciaron que, desde que se coñeceu unha sentenza favorable aos seus integrantes, en xaneiro deste ano --que recoñecía unha relación laboral traballadores indefinidos non fixos-- a súa actividade quedou paralizada.
Antes de debater a moción tamén tomou a palabra Bernabé Simes, en representación dos integrantes da banda, sendo a mesma aprobada por unanimidade de todos os grupos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.