O BNG de Santiago dá 15 días a Bugallo para que presente un borrador para negociar o orzamento do 2021

"Esperamos que fixesen os deberes e que teñan ese documento para ser entregado nos próximos días", destaca Goretti Sanmartín.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/09/2020 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

A portavoz local do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, deu de prazo 15 días ao goberno municipal, co alcalde Xosé Sánchez Bugallo á fronte, para que presente un borrador sobre o que negociar o orzamento da cidade para o ano que vén. "Esperamos que fixesen os deberes e que teñan ese borrador para ser entregado nos próximos días", destacou Sanmartín este martes en rolda de prensa.

Pola súa banda, o Bloque ten "preparado" un documento coas súas propostas e as "liñas fundamentais" polas que aposta, entre as que fixo fincapé na protección social no actual contexto de emerxencia.

A xuízo da portavoz nacionalista, as contas do Concello "deben aprobarse este ano" e "canto antes apróbense, mellor". De feito, opinou que "para que todo fose ben sería bo que se aprobasen no mes de novembro". En calquera caso, considera que "nos primeiros 15 días de setembro debería estar encima da mesa un borrador para comezar a traballar con el".

"É o goberno o que ten que mover ficha e convocarnos a unha reunión para dicirnos as nosas previsións son estas, esta é a cantidade coa que contamos e pensamos facer a, b e c. Que nos dean un borrador sobre o que podamos traballar", incidiu. Deste xeito demandou esa "reunión urxente" entre alcaldía e os grupos políticos, para "negociar" uns orzamentos que "teñen que estar á altura do que Santiago necesita".

PROPOSTAS DO BLOQUE

Por parte do BNG, apostan por introducir "melloras fiscais, ambientais, sociais e urbanísticas", con prioridades como o ensino, o deporte, a cultura e a protección social nun contexto de emerxencia social. Tamén avoga por incorporar mecanismos de inspección, control e seguimento dos contratos externalizados, para evitar "incumprimentos".

Sobre proxectos concretos, entre outros, citou o novo centro para persoas sen fogar, que "ten que ser unha realidade", e un plan de actividades extraescolares que, dada a situación, entende que "ten que asumilo o concello".

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín. CAPTURA (YOUTUBE)
A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín. CAPTURA (YOUTUBE) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta