Temas: FRASEOLOXíA

“Ser de canda alguén”, equivalente a “ser da mesma idade ca alguén”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 06/09/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

En galego, para expresarmos que unha persoa ten os mesmos anos ca outra podemos botar man de varias secuencias lingüísticas. Entre elas atópase a de ser de canda alguén, que segundo a nosa experiencia parécenos que é a de maior emprego nun rexistro de lingua propiamente tradicional e enxebre.

Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez
Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez | Fonte: canarias7

Ser de la misma edad que alguien

{= Nacer unha persoa o mesmo ano ca outra, ou ter os mesmos anos ca outra.}

Ser de canda alguén

Ser do tempo de alguén

Ser do mesmo tempo de/ca alguén

[E MAIS]:

Ser da mesma idade ca alguén

Ex.: Que no, mujer, que estás equivocada, que Antía no es de la misma edad que Xacobe, que es mayor.

Que non, muller, que estás equivocada, que Antía non é de canda Xacobe non é do tempo de Xacobe non é do mesmo tempo ca Xacobe, que é máis vella.

● E tamén:

Ser de la misma quinta # del mismo año que alguien && Ser de la quinta de alguien

Ser da mesma quinta # do mesmo ano ca alguén && Ser da quinta # do ano de alguén

● E mais tamén:

Tener los mismos años que alguien

Ter os mesmos anos ca alguén

E SE NO CANTO DE QUERERMOS DAR A ENTENDER QUE UNHA PERSOA É DA MESMA IDADE CA OUTRA, DESEXAMOS MANIFESTAR QUE DÚAS OU MÁIS PERSOAS SON DA MESMA IDADE:

Ser dos o más personas de la misma edad

{= Naceren dúas ou máis persoas no mesmo ano, ou naceren con pouco tempo de diferenza entre elas inda que sexan de anos distintos.}

Seren dun tempo

Seren do mesmo tempo

[E MAIS]:

Seren da mesma idade

Ex.: Pues yo creo que los tres son de la misma edad, porque me acuerdo de que en segundo de EGB estaban en la misma clase.

Pois eu teño de min que os tres son dun tempo que os tres son do mesmo tempo, porque lembro que en segundo da EXB estaban na mesma aula.

● E tamén:

Ser dos o más personas de la misma quinta # del mismo año

Seren dunha quinta # dun ano && Seren da mesma quinta # do mesmo ano

NOTAS:

1. Aproveitando o primeiro exemplo, observemos a forma tradicional galega de manifestar que unha persoa ten máis anos ca outra, e que hoxe en día para moita xente xa está case –ou sen case– totalmente substituída pola secuencia ser maior (ca): estamos a falar de ser máis vello (ca).

Do mesmo xeito, para indicar que se ten menos anos ca outra persoa, no canto de ser menor (ca) o máis habitual nun rexistro ligado á enxebreza, pureza e tradición lingüísticas é optar pola locución ser máis novo (ca).

Ex.: El mayor es ese que ha entrado ahora, y la menor de todos los hermanos es la que tú viste al llegar.

O máis vello é ese que entrou agora, e a máis nova de todos os irmáns é a que ti viches cando chegaches.

Así mesmo, tampouco resulta raro escoitar, se cadra asociadas en maior medida –inda que, desde logo, non exclusivamente– a empregos relacionados co mundo infantil, as locucións máis grande (ca) e máis pequeno (ca). Ex:

O irmán máis grande é ese que entrou agora, e a máis pequena de todos eles é a que viches cando chegaches.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta