Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 13/09/2020 | Actualizada ás 12:00
Para darmos a entender que alguén está apoiado sobre un só pé, e sobre todo naqueles casos en que encolle a outra perna e chouta ou chimpa sobre del, é moi probable que a expresións que esteamos máis afeitos a escoitar sexa a de que esa persoa está, ou anda, á pata coxa.
Pero, como imos ver, en galego dispomos doutras locucións que dan conta dese mesmo significado, malia estaren a perder cada vez máis presenza en favor da que cadra coa locución castelá:
A la pata coja
{= Apoiado –alguén– sobre un só pé. (Adóitase utilizar naqueles casos en que se encolle unha perna e se dan choutos sobre o outro pé, tanto se se avanza cara a diante coma se se mantén no mesmo sitio.)}
A pico pé && Ó pico pé
Á pata coxa
Ex.: A final de curso siempre organizan juegos para los niños, entre ellos el de la carrera a la pata coja.
Ó final de curso sempre organizan xogos para os cativos, entre eles o da carreira a pico pé ‡ ó pico pé ‡ á pata coxa.
● E tamén, como locucións non recolleitas –cando menos de momento– no DRAG:
A pipiricojo && A pie cojito && A (la) coxcojilla && A coxcox && A (la) coscojita
Á perna coxa && A pé manquiño && Á perna manquiña && Á perna mouchiña && A pé manco && Á pita coxa
● E inda incluso, igualmente non incluídas no DRAG:
A/Ó chinguilipé && Ó chiquilimipé && A/Ó cuchipé && Á lanqueta
NOTAS:
1. Curiosamente, no DRAG recóllense tanto as locucións a/ó pico pé (=“Dando saltos sobre un pé”) coma á pata coxa (=“Cunha perna encollida e saltando sobre a outra”), mais sen nos ofrecer unha relación de sinonimia entre elas. Interpretamos que se trata dun lapso ou esquecemento.
2. A expresión a cuchipé tamén se rexistra coa variante a couchepé.
3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Freire Armada, Vanesa: “Quen a Cariño vai, con cariño volve: escolma de unidades fraseolóxicas de Cariño e a súa contorna”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 25, 2003, pp. 193-225.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Otero Álvarez, Aníbal: Contribución al diccionario gallego. Galaxia, Vigo, 1967. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):
a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.