Temas: FRASEOLOXíA

“Durmir coma unha pedra”, equivalente, entre outras, á castelá “dormir como un tronco”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 20/09/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para manifestarmos que alguén dorme ou durmiu de xeito profundo, e xeralmente tamén durante un período de tempo que se considera longo, en castelán é habitual escoitar, xunto con algunha outra, a expresión dormir como un tronco. En galego temos as nosas propias secuencias para darmos conta desa mesma circunstancia:

Durmindo por febre
Durmindo por febre | Fonte: FREEPIK - Arquivo

Dormir como un tronco

{= Durmir alguén de xeito profundo, e xeralmente tamén durante un período de tempo que se considera longo.}

Durmir coma unha pedra

[E MAIS]:

Durmir coma un cepo

Durmir coma un pancho

Durmir coma un peixe

Durmir coma un repolo

Ex.: Si sigues sus consejos a rajatabla, seguro que en menos de una semana podrás dormir toda la noche como un tronco.

Se segues os seus consellos á liña, seguro que en menos dunha semana poderás durmir toda a noite coma unha pedra coma un cepo coma un pancho coma un peixe coma un repolo.

● E tamén:

Dormir como una marmota # como un lirón # como un oso

Durmir coma unha marmota # coma un leirón # coma un oso # coma un becerro

● Mesmo tamén, sen confluír en espazos de uso coas expresións anteriores, mais si gardando relación na medida en que se usa naqueles contextos en que se fai referencia a que unha persoa dorme durante moito tempo:

Durmir máis cás mantas

● Tamén, non intercambiable coas que estamos a ver, mais si conectada con este campo, dado que se aplica a unha persoa que dorme moi moi profundamente, mesmo sen espertar inda que haxa un grande ruído ó seu redor:

Ter o sono da morte

● E igualmente sen confluír en espazos de uso, pero tamén relacionadas, pois que se usan para indicar que alguén é moi durmiñento ou que ten moita facilidade para quedar a durmir:

(Ser quen de) Durmir nas uñas dun risón # nos dentes dunha grade

NOTAS:

1. Cómpre facer notar que en contextos semanticamente pouco marcados, as expresións que reflectimos neste artigo poden confluír –e de feito conflúen– coas que veremos na entrega seguinte, que son as que se veñen a corresponder coa castelá dormir a pierna suelta.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Goce Denís, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Soto Arias, María Rosario: “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 97-123. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta