O ERTE nas fábricas do Xallas comezará a aplicarse o 24 de setembro e afecta a todo o persoal

A CIG acusa a Xunta de "pasividade" e úrxelle a convocar ao comité e a esixir á empresa o plan de viabilidade

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/09/2020 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

Os novos donos das fábricas do Xallas que pertencían ao grupo de Villar Mir aplicarán un expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) a partir do 24 de setembro que afecta a todo o persoal, segundo informa a CIG.

Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Arquivo
Fábrica de Ferroatlántica en Cee. REMITIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

A central nacionalista denuncia que, con esta medida, a nova empresa (agora denominada Xeal, nome que lle deu o grupo a través do cal opera o fondo TPG, que foi o comprador das plantas) "profunda no desmantelamento progresivo" de Cee e Dumbría.

Así mesmo, critica que o ERTE foi negociado con Ferroatlántica "hai 19 meses". "Nin sequera foi negociado coa actual representación social", incide.

A xuízo da organización, isto "evidencia a fraude da operación de compravenda entre Ferroatlántica e TPG", que "só busca segregar as fábricas das centrais hidroeléctricas para poder facer negocio coa produción de enerxía saltándose as obrigas que impoñen as concesións administrativas". Un "camiño", advirte, para o que os novos donos "aproveitan a conxuntura económica derivada da pandemia da covid-19".

Por iso, a CIG denuncia "mala fe" e lembra que no seu día recorreu o ERTE no xulgado do social e que agora é o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o que debe resolver o recurso en relación co ámbito competencial no que se debe xulgar (a regulación afecta a varios centros de traballo que no seu momento pertencían a Ferroatlántica).

Segundo a CIG, os novos propietarios "seguen sen realizar os investimentos comprometidos" e as plantas están "nun ridículo 10% da súa capacidade produtiva".

Neste contexto, acusa á Xunta de "pasividade" e úrxelle a convocar ao comité e a esixir á empresa o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións administrativas das centrais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta