Sindicatos demandan a Medio Rural por "descontos ilegais" nas nóminas dos técnicos forestais en folga

A Xunta defende que aplicou o desconto conforme á normativa vixente e que mantivo "inalterable" o complemento específico

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2020 | Actualizada ás 23:02

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, CC.OO., CSIF e UGT, así como o comité de folga dos técnicos forestais da Xunta, presentaron esta semana unha demanda contra a Consellería do Medio Rural por aplicar "descontos ilegais" nas nóminas dos traballadores que se manteñen en folga indefinida desde o 1 de agosto.

En concreto, o catro organizacións denunciaron ao departamento que dirixe José González ante o Xulgado Contencioso-Administrativo de Santiago por realizar estas retencións cuns criterios "que vulneran a lexislación vixente" e que teñen a "única finalidade de desmovilizar e boicotear" a protesta.

Ademais, os sindicatos advirten que este feito "vai en contra da necesidade de buscar puntos de encontro e diálogo" para resolver o conflito que manteñen desde o 1 de agosto e que "non fai máis que aumentar a crispación" despois de 28 meses tentando que a Consellería presente unha nova proposta de acordo.

Así, CIG, CC.OO., CSIF e UGT esperan que Medio Rural, nun "novo acto de procura de consensos", convoque "canto antes" unha reunión para retomar unha negociación sobre condicións laborais que dea fin á folga e as mobilizacións.

DEFENSA DA XUNTA

Pola súa banda, Medio Rural trasladou a Europa Press que aplicou o correspondente desconto na nómina de agosto ao persoal técnico forestal en folga indefinida conforme á normativa vixente.

"A medida aplicouse de forma proporcional e tendo en conta que nese período os traballadores en folga só desempeñaron os servizos mínimos pactados, que se corresponden coas tarefas de coordinación e extinción de incendios, deixando de prestar as restantes tarefas que teñen encomendadas en materia de prevención persoal", remarca.

Engade Medio Rural , entre outras cuestións, que o desconto se aplicou unicamente sobre o soldo base, os trienios e o complemento de destino, "mantendo inalterable o complemento específico, que para este persoal oscila entre 937 e os 2.000 euros mensuais aproximadamente, en función do seu nivel laboral.

Técnicos forestais protestan ante a Xunta. EUROPA PRESS - Arquivo
Técnicos forestais protestan ante a Xunta. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta