Certidumes e incognitas dunha fusión bancaria

A fusión e/ou absorción de empresas é unha práctica que se repite con certa frecuencia nos tecidos económicos de moitos países. A que se ven de anunciar agora entre Caixabank e Bankia ten, certamente, algunhas singularidades.

Por Xesús Veiga | Compostela | 21/09/2020

Comparte esta noticia
Unha relevante: o banco resultante será o de maior dimensión dos que operan no Estado español. Outra que non convén esquecer: as entidades que se van agrupar proceden de diversas Caixas de Aforro que no seu día foron bancarizadas (entre elas, de xeito destacado, La Caixa e Cajamadrid, vinculadas nas súas orixes a Cataluña e á Comunidade de Madrid). E unha terceira circunstancia moi importante: Bankia é unha empresa onde o FROB posúe o 62% do seu accionariado, como consecuencia do rescate realizado por ese organismo público.
  
A opinión dominante que se está a emitir nas tribunas mediáticas a respecto das razóns que motivan a operación de Caixabank e Bankia alude ás dificultades derivadas da crise económica provocada pola pandemia, ademais da persistencia doutros factores específicos que veñen operando no sector bancario dende hai uns meses. Atopariámonos, pois, ante unha decisión preventiva -promovida e/ou avalada polas autoridades do BCE- para conxurar eventuais derrubamentos desestabilizadores no panorama financeiro europeo. En todo caso, ninguén pode descoñecer as consecuencias negativas asociadas a este proceso de fusión -que tamén ocorreron noutros rexistrados con anterioridade-: a perda dunha porcentaxe significativa dos postos de traballo existentes nas dúas empresas que converxen e a notábel diminución do nivel de competencia no sector bancario. Vaise repetir unha realidade que tivemos oportunidade de visualizar en décadas pasadas: un medre no proceso de oligopolización que penaliza ás persoas físicas e xurídicas que ofertan ou demandan recursos ao conxunto das entidades financeiras e que provoca, ao mesmo tempo, a desaparición dun notábel continxente humano de capacidade contrastada.
 
Bankia é un banco público debido ao rescate millonario asumido pola Administración central do Estado e non como consecuencia dunha deliberada decisión adoptada polos gobernantes daquel momento. Obviamente, Mariano Rajoy non contemplaba outro escenario que non fose a súa venta ao sector privado (tal e como sucedeu, por certo, con Novagaliciabanco) no momento mais apropiado. A dimensión e as características do banco sucesor de Cajamadrid non incentivaron, seguramente, as posíbeis ofertas de adquisición por parte doutros actores participantes no sistema financeiro español. Polo demais, a xestión da equipa directiva -encabezada por Goirigolzarri- limpou as herdanzas menos presentábeis dun Rodrigo Rato que tiña contribuído a erosionar moi seriamente a reputación dunha entidade obscenamente manipulada polos dirixentes do PP da Comunidade de Madrid.
 
Non hai argumentos coñecidos que avalen a inviabilidade de Bankia na súa actual configuración societaria e directiva (mais alá daqueles pronunciamentos dogmáticos, explícitos ou implícitos, que defenden a imposibilidade intrínseca de calquera modalidade de banca pública). A falta de coñecer a letra pequena do pacto de fusión entre as dúas entidades, resulta previsíbel pensar que o Estado terá unha porcentaxe minoritaria pero moi significativa no capital do que será, por tamaño, o primeiro banco español. Esta circunstancia é novidosa dende a década dos 90 do século pasado e abre interesantes incógnitas para o futuro.
 
O que está a suceder pode ter unha lectura en chave galega. Aceitando que o impacto da redución na capacidade operativa actual -en persoal e instalacións- vai ser menor aquí que noutros territorios, esta fusión suscita unha mirada cara o pasado e outra cara os vindeiros meses. Resultou precipitado o proceso de venta de Novagaliciabanco? A pregunta resulta pertinente despois de comprobar a experiencia vivida por Bankia. En todo caso, e a partir de agora, vai existir algún proxecto de concentración bancaria que afecte a ABANCA? Unha vez que se instaura a lóxica -moi discutíbel á vista da experiencia histórica- de que o medre da dimensión empresarial é o factor prioritario que debe presidir a toma de decisións neste e noutros sectores, todo é posíbel. Comprobarémolo nos vindeiros anos.

CaixaBank. CAIXABANK
CaixaBank. CAIXABANK
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.