Por Europa Press / Redacción | VIGO | 23/09/2020 | Actualizada ás 17:53
A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) prepara unha proposta para "recuperar todo o que se poida" do Real Decreto sobre os aforros dos municipios, e que foi rexeitado no Congreso, e centrou as demandas no fondo de 5.000 millóns destinados ás entidades locais, así como as axudas ao transporte urbano.
Así o trasladou o presidente do órgano municipalista e alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha rolda de prensa tras a celebración dunha Xunta de Portavoces extraordinaria.
Caballero insistiu en que é "imprescindible" que os municipios conten co fondo de transporte, de 400 millóns de euros, e que deberá buscarse unha fórmula para "recuperar" os 5.000 millóns a fondo perdido que o Goberno estaba disposto a repartir entre os concellos. "Hai que ver como resolvermos os efectos tan daniños da votación no Congreso", sinalou.
O presidente da FEMP lembrou que a negativa da maioría parlamentaria a aprobar o Real Decreto pactado co Goberno "quitou" ás entidades locais "10.000 millóns dos seus aforros", e aseverou que os que votaron a favor desa medida son os verdadeiros "defensores do municipalismo". "Os que votaron en contra, témome que non", apostilou.
En resumo, Abel Caballero sinalou que, na Xunta de Portavoces, expuxo a necesidade de "recuperar todo o que se poida" do Real Decreto que non saíu adiante, e engadiu que é "urgentísimo" dispor do superávit, nun prazo non máis longo de "2 ou 3 semanas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.