Por Europa Press / Redacción | Madrid | 24/09/2020 | Actualizada ás 15:00
O BNG non entende por que o Goberno español non diversifica as negociacións para a adquisición de vacinas e tratamentos contra o Covid-19 e pediulle que se poña en contacto coas autoridades rusas e cubanas para adquirir estes medicamentos.
"Hai que antepor a saúde aos criterios xeoestratégicos", defendeu o deputado nacionalista galego no Congreso, Néstor Rego, quen anunciou dúas iniciativas para tentar convencer ao Goberno de que "non poña todos os ovos na mesma cesta" nesta materia.
Ao seu xuízo, España non debe limitarse a negociar para adquirir a vacina que a farmacéutica AstraZeneca desenvolve en colaboración co Instituto Jenner da Universidade de Oxford que, ademais, lembrou, "tropezou con dificultades na súa fase experimental".
"Preocúpanos que non se primen os factores sanitarios, senón os económicos dos grandes laboratorios e os criterios xeoestratégicos. Sería unha irresponsabilidade histórica converter isto nunha especie de nova 'guerra fría' na que estea en xogo a hexemonía mundial nesta materia. Hai que cooperar no canto de competir para buscar unha solución global", defendeu Rego.
Neste contexto, rexistrou unha pregunta escrita e unha proposición non de lei para instar o Goberno ampliar o seu catálogo de antivirais incorporando por exemplo o Interferon Alfa 2b --un fármaco cubano que, segundo sinalou, resultou eficaz para atallar a epidemia en Wuhan (China)-- ou o Avifavir ruso que "é sensiblemente máis barato que outros" e "reduce o tempo de tratamento á metade".
Da mesma maneira, o BNG expón ao Goberno que abra contactos con Rusia para poder adquirir doses da súa vacina, como van facer máis de 20 países. Rego indicou que xa hai estudos que apuntan á eficacia e seguridade da mesma e tamén lembrou que en China se desenvolveron ata tres vacinas cuxa adquisición por España tampouco debería descartarse.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.