"Hai un goteo constante e diario de casos" en Santiago, Ames, comarca de Pontevedra e Lugo

Lugo "ten casos confirmados declarados todos os días dos últimos 14". Sanidade mantén as restricións con medidas a pesar de certa "mellora".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2020 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade mantén as restricións, fundamentalmente relativas a limitación de aforamento, no resto de áreas con medidas --Pontevedra, comarca do Salnés, Santiago e Lugo-- a pesar de detectar certa "mellora" nalgunhas zonas.

Así o explica en catro ordes publicadas na noite do mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG), recollidas por Europa Press, nas que, en canto á comarca de Pontevedra, detalla que a taxa de incidencia global nos últimos 14 días "é menor que a observada nas semanas anterior", cos municipios de Pontevedra e Poio como os que "mostran o maior número de casos".

Ademais, a Consellería indica que na comarca de Pontevedra "obsérvanse indicadores de alto risco, tales como a incidencia acumulada a tres días e a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado na área". "Tamén se observa algún indicador de risco medio, como a porcentaxe de probas PCR positivas", engade.

Sobre o municipio de Marín concrétase que presenta unha taxa "1,4 veces máis alta que a taxa a 14 días do conxunto de Galicia" e o número reprodutivo instantáneo "indica que a transmisión está activa e podería seguir xerándose máis dun caso a partir de cada un dos xa existentes".

O SALNÉS

En canto aos municipios de Vilagarcía e Vilanova de Arousa, así como Sanxenxo, Meis e Cambados tamén aposta por manter as restricións a pesar de mellorar os datos. As taxas acumuladas na comarca do Salnés a tres, sete e 14 días "están por baixo da taxa acumulada no conxunto de Galicia".

COMARCA DE SANTIAGO

Sobre a comarca de Santiago, Sanidade explica que a taxa de incidencia global dos últimos 14 días logrou "un valor inferior ao observado dúas semanas antes, pero superior á semana inmediatamente anterior".

"Destacan claramente as taxas acumuladas a 14 días dos concellos de Santiago e Ames, ambos cun goteo constante e diario de declaración de casos", expón Sanidade, que matiza que presentan taxas acumuladas a tres, sete e 14 días "superiores ás recollidas para o total de Galicia neses mesmos momentos temporais".

CONCELLO DE LUGO

Sobre o concello de Lugo Sanidade manifesta que a taxa de incidencia a sete e 14 días "descendeu" respecto das dúas semanas anteriores, "pero seguen mostrando valores superiores aos estimados para o total de Galicia neses mesmos cortes temporais".

Sobre o municipio de Lugo, apunta na orde do DOG do 7 de outubro, que "ten casos confirmados declarados todos os días dos últimos 14 días", o que se traduce nunha taxa acumulada a 14 días que "é 1,14 veces maior á do total da comarca e 1,41 veces ao total de Galicia".

Unha persoa sométese ás probas polo COVID no concello de Abegondo (A Coruña). CONCELLO DE ABEGONDO - Arquivo
Unha persoa sométese ás probas polo COVID no concello de Abegondo (A Coruña). CONCELLO DE ABEGONDO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta