Máis dunha década agardando polo dragado do río Lérez porque "é unha zona moi movida", segundo a Xunta

Portos de Galicia di que a obra é "complexa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2020 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

Portos de Galicia reiniciou os estudos para o dragado do río Lérez en Pontevedra e a súa presidenta, Susana Lenguas, apuntou á "complexidade" de dita obra para xustificar o tempo necesario para dar resposta a unha demanda do sector que, recoñece, vén de hai "unha década".

Así o dixo en resposta a unha pregunta da deputada do PSdeG Paloma Rey, quen, na comisión de medio ambiente do Parlamento, lamentou a volta "ao momento inicial" dunha obra que considerou "faraónica" e cuxos prazos, ironizou, emparéllana coa "da muralla chinesa e as pirámides de Exipto".

Na súa intervención, a máxima responsable de Portos explicou que os estudos que se realizaron ata agora "nunca estiveron mal" pero que se repiten debido a que a boca do río Lérez "é unha zona moi movida" e con "dinámica constante", polo que é preciso "valorar" o volume que hai que sacar e se os depósitos dos últimos anos "non son prexudiciais". Se "segue sendo o mesmo material que había no fondo", profundou.

Pola súa banda, a parlamentaria socialista cuestionou sobre a dotación orzamentaria para 2021, ao que Lenguas asegurou que haberá partidas para continuar coa tramitación con "a maior celeridade posible", aínda sen prazos.

En 2019, Portos anunciou a súa intención de trasladar estes depósitos nas proximidades da Illa de Sálvora, o que suscitou "o rexeitamento do sector pesqueiro e marisqueiro", lembrou Rey. O punto que baralla agora o ente está a dúas millas da illa, segundo apuntan fontes do organismo consultadas por Europa Press.

Pola súa banda, Susana Linguas afirmou estar "a traballar para conseguir o dragado", unha obra que incumbe a case catro quilómetros e coa previsión de retirar entre 350.000 e 400.000 metros cúbicos de materiais. O investimento, segundo as súas cifras, situarase nuns 4,5 millóns de euros.

Ría de Pontevedra, onde desemboca o Lerez
Ría de Pontevedra, onde desemboca o Lerez | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta