A conselleira de Medio Ambiente pide a Fernández Lores que se adhira ao Pacto de Alcaldes polo Clima

Con todo, recoñece os "excelentes" datos da cidade en canto á calidade do aire.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/10/2020 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, instou ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores a que se adhira ao Pacto de Alcaldes polo Clima. "Penso que é fundamental", dixo a mandataria este venres no transcurso dunha visita á estación tráfico urbana, instalada no barrio pontevedrés de Campolongo.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press | Fonte: Europa Press.

Para Vázquez, a ausencia de Pontevedra no pacto é o único "punto negro" que atopa nos "bos datos, por non dicir excelentes" que rexistrou a cidade de Pontevedra en canto á calidade do aire.

Con todo, considera que "sempre hai unha marxe de mellora; tal e como quedou demostrado durante os meses de confinamento".

Pontevedra rexistrou unha diminución do 51% do dióxido de nitróxeno e do 42% de partículas PM10 no período de vixencia do estado de alarma, mentres que en setembro rexístranse niveis similares a antes da pandemia, aínda que en ningún caso superan os valores límites permitidos.

A conselleira sinalou o tráfico rodado como "unha das principais fontes de contaminación nas cidades", xunto coa actividade do sector doméstico-residencial, é dicir, a calefacción.

Neste sentido, Vázquez convidou ás administracións públicas e á cidadanía a "cambiar" certos costumes e hábitos, por exemplo apostar por unha mobilidade sustentable, para conseguir contornas máis limpas e libres de contaminación.

Lembrou que a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía é unha ferramenta con medida para conseguir este obxectivo e convidou os concellos a colaborar para implantar iniciativas que camiñen nese sentido, xa que son as administracións as que deben reordenar os tráficos.

A conselleira explicou que Galicia conta cunha Rede de Control do Aire que se compón de 48 estacións fixas, das cales 33 pertencen ás principais instalacións industriais no país, que polos seus procesos produtivos son susceptibles de afectar á calidade do aire da súa contorna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta