Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/04/2013 | Actualizada ás 08:00
Entre abril de 2012 e marzo de 2013, os xornais en papel perderon en conxunto, en Galicia, 68.000 lectores diarios en comparación co mesmo período anterior. Desta perda total de audiencia, o 75% —é dicir, 51.000 lectores— son de prensa galega, segundo o 1º Acumulado Móbil de 2103 publicado polo EGM (Estudio General de Medios), que recolle datos de vinte xornais en Galicia.
O xornal máis castigado, con moita diferenza, é La Voz, que perdeu 38.000 lectores diarios, pasando de 637.000 a 599.000. O dato é especialmente preocupante para o diario coruñés, xa que do total de lectores que perdeu o conxunto da prensa en Galicia, o 55,88% son de La Voz, e entre a prensa galega supón o 74,5%.
Faro de Vigo é o segundo xornal do país que máis audiencia perde, en concreto, 9.000 lectores diarios, quedando nos 269.000.
Porén, porcentualmente o xornal máis danado é o Diario de Arousa, que perde 6.000 lectores, pasando de 18.000 a 12.000 (-33,3%). El Progreso tamén sofre un duro golpe cunha caída de 8.000 lectores (-8,24%). Mentres que o Correo Gallego tamén perde 2.000 lectores.
A prensa local refórzase na área de influencia de La Voz
Os datos comparados das primeiras ondas do EGM de 2012 e 2013 evidencian unha tendencia á alza na información de proximidade. Fronte as caídas das grandes cabeceiras do país, boa parte dos xornais locais e comarcais mantéñense ou crecen en audiencia.
Especialmente significativos son os datos referidos á cidade da Coruña, onde os competidores directos de La Voz crecen en audiencia.
A suba máis importante en número e porcentaxe é a de El Ideal Gallego, que suma 5.000 lectores máis nos últimos doce meses (+29,4%) até alcanzar os 22.000. Deste xeito, o xornal afiánzase como alternativa na área da Coruña.
Tamén experiementa un pequeno aumento La Opinión, que pasa de 47.000 a 48.000 lectores.
Deste xeito, na capital da Coruña e na súa área de influencia xa son 70.000 os lectores que optan por informarse polos dous xornais locais que manteñen un pulso con La Voz.
Importante tamén é a suba do Diario de Ferrol, que pasa dos 27.000 aos 31.000 lectores (+14,8%). O crecemento é moi significativo para un xornal que pasa polo momento máis difícil da súa historia, afectado por un proceso de desmantelamento.
No sur, Diario de Pontevedra aumenta de 46.000 a 48.000 lectores. E na área de Vigo, Atlántico Diario mantense nos 17.000 lectores e aguanta, fronte a caída de lectores de Faro. En Ourense, La Región sube de 82.000 a 83.000 lectores.
Caídas da prensa estatal en Galicia
As cabeceiras do resto do Estado tamén perden aopio en Galicia. En total, a caída é de 18.000 lectores.
O xornal máis castigado é El País, que vén de desmantelar a súa delegación en Galicia logo de botar á rúa a oito das doce persoas que traballaban para a edición galega do diario do Grupo Prisa. El País pasou nestes últimos doce meses de 142.000 a 132.000 lectores en Galicia, segundo os datos comparados das primeiras ondas anuais do EGM de 2012 e 2013.
Tamén perden lectores o ABC, que de 21.000 pasa a 17.000, e o diario económico Expansión, que pasa de 13.000 a 11.000.
Pola contra, crecen El Mundo, que gañou 4.000 lectores e pasa a ter un total de 74.000, e La Razón, con 2.000 máis, aínda que se mantén como xornal residual no noso país, con tan só 6.000 lectores.
Entre os deportivos, só o diario As sofre un importante pao cunha caída de 10.000 lectores, quedando agora en 82.000. E sae reforzado El Mundo Deportivo, que pasa de 13.000 a 17.000 lectores. Pola súa banda, Marca só baixa de 259.000 a 257.000 e Sport mantense nos 46.000.
Posto |
Xornal |
Abril 2011 Marzo 2012
|
Abril 2012 Marzo 2013
|
Variación |
1 | La Voz de Galicia | 637 | 599 | -38 |
2 | Faro de Vigo | 278 | 269 | -9 |
3 | Marca | 259 | 257 | -2 |
4 | El País | 142 | 132 | -10 |
5 | El Progreso | 97 | 89 | -8 |
6 | La Región | 82 | 83 | +1 |
7 | As | 92 | 82 | -10 |
8 | El Correo Gallego | 80 | 78 | -2 |
9 | El Mundo | 70 | 74 | +4 |
10 | Diario de Pontevedra | 46 | 48 | +2 |
11 | La Opinión da Coruña | 47 | 48 | +1 |
12 | Sport | 46 | 46 | 0 |
13 | Diario de Ferrol 2 7 3 1 4 | 27 | 31 | +4 |
14 | El Ideal Gallego | 17 | 22 | +5 |
15 | ABC | 21 | 17 | -4 |
16 | Atlántico Diario | 17 | 17 | 0 |
17 | El Mundo Deportivo | 13 | 17 | +4 |
18 | Diario de Arousa | 18 | 12 | -6 |
19 | Expansión (7/6) | 13 | 11 | -2 |
20 | La Razón | 4 | 6 | +2 |
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.