A limpeza "manual" das praias gaña forza fronte á maquinaria pesada

Unhas 200 persoas limparán areais de toda Galicia na vindeira fin de semana "se a choiva dá tregua".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2020 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

ADEGA volve organizar unha xornada de limpeza multitudinaria para espallar a conciencia medioambiental entre a sociedade galega. A cita en cuestión terá lugar na próxima fin de semana -dende o 16 ó 18 de outubro- en multitude de areais galegos. O obxectivo, como en outras ocasións, é desenvolver unha limpeza voluntaria que depure os refugallos e entullos sen provocar danos colaterais no entorno.

Praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo
Praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo

Segundo destacan dende a asociación, as xornadas serán seguidas por un total de 200 persoas congregadas por máis de 20 entidades. Nesta novena edición participarán centros de ensino, asociacións ecoloxistas, culturais, do mar, escolas de surf, e particulares, que non queren perder a oportunidade de axudar ao noso litoral. Por outra banda, destaca a achega de diversos concellos, como os de Ponteareas, Nigrán, A Guarda, A Coruña, Carballo e O Grove.

Tal e como destacan dende a plataforma, o obxectivo da xornada non é outro que "congregar a un mesmo tempo nas praias galegas centos de voluntarios e voluntarias" para limpar "co gallo de concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a problemática do lixo mariño". Este conflito, subliñan, "afecta a todos os mares e océanos do planeta", inclusive os galegos.

A "ÚNICA" LIMPEZA ECOLÓXICA

ADEGA tamén fai fincapé na importancia de realizar estas limpezas de feito manual, xa que é "a única maneira de facer unha limpeza ecolóxica" na que se preserve a flora e fauna que está na contorna, tendo especial coidado coa biodiversidade dos ecosistemas dunares. "Avogamos por este tipo de limpeza fronte ao uso recorrente de maquinaria pesada, pouco respectuoso co medio ambiente, para eliminar lixo das praias", subliñan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta