Por Galicia Confidencial | Lisboa | 27/04/2013 | Actualizada ás 12:43
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, subliña a conexión dos nacionalistas con" forzas europeas de esquerda que se opoñen totalmente ás políticas de empobrecemento ditadas pola troika". Vence fai estas declaracións tras participar co Bloco de Esquerda luso e coa Syriza grega no desfile popular que tivo lugar onte, en Lisboa, con motivo da celebración do 25 de abril, unha mobilización na que se atacou a "austeridade".
Vence pon de manifesto que "o devir de Galiza depende do futuro de países como Portugal e Grecia, sumidos na miseria como consecuencia das políticas de retallamentos da Unión Europea e da troika". Na súa opinión o empobrecemento que sofre o pobo portugués e o gregoé o retrato do que pode acontecer no país de "non conquistarmos a soberanía para poder tomar as nosas propias decisións".
Xavier Vence partillou estas impresións co líder da Syriza, Alexis Tsipras, durante a manifestación en Lisboa. O representante da Syriza, que lle trasmitiu a Vence a situación de catástrofe humanitaria que se vive en Grecia como consecuencia dos recortes impostos pola troika, coincidiu, segundo frontes do Bloque, co BNG en sinalar que "a solución á crise pasa por derrotar a ditadura Europea e económica, que é imposta polos mercados todopoderosos".
Acompañados do secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, e da eurodeputada Ana Miranda, salientaron, ademais, que "non hai ningún exemplo de éxito coas políticas de austeridade impostas polos mercados e polo sistema financeiro". Na mesma liña, coincidiron en advertir de que "todas as decisións importantes para a vida das persoas están a serlles furtadas ao propio pobo, como se a democracia for un aderezo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.