FIOT Fónico, a experiencia do teatro no móbil e Carballo como escenario

Este proxecto de experimentación artística a través das novas linguaxes teatrais, e apoiado nas novas tecnoloxías, nace co 'FIOT en pausa' deste 2020 e ten como obxectivo sacar o teatro da sala para levalo á rúa a través dunha app no teléfono móbil.

Por X.M. Fernández | Carballo | 18/10/2020 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

O escenario do FIOT Fónico son as rúas de Carballo, e mentres o espectador as percorre pode gozar dunha obra de teatro a través do seu móbil. Esta é a premisa dun innovador proxecto artístico experimental que naceu este ano para dar un paso máis cara a vangarda escénica.

Rosalía Fernández Rial, autora de 'A lúa, válvula de spray'. Foto: FIOT en pausa
Rosalía Fernández Rial, autora de 'A lúa, válvula de spray'. Foto: FIOT en pausa

Trátase, dalgún xeito tamén, de sacar o teatro da sala para levalo á rúa a través dunha app no teléfono móbil e procurar sinerxías con outras iniciativas socioculturais que teñen lugar en Carballo. 

Alberto Sueiro, director do FIOT, explica que o FIOT Fónico “nace da necesidade de explorar a conexión entre o teatro e as novas tecnoloxías, para poñer en relación a cultura dixital e a experiencia teatral cunha ferramenta que hoxe en día é indispensable para todos: o smartphone”

A primeira das propostas que nace ao abeiro deste FIOT Fónico, baixo a produción do propio FIOT coa colaboración do LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural sostible) é a ficción sonora A lúa, válvula de sprayunha dramaturxia da autora carballesa Rosalía Fernández Rial que está dirixida por Quico Cadaval. Trátase dun espectáculo itinerante no que oito murais de Carballo son os escenarios dunha obra realizada como podcast, unha publicación dixital en audio que se pode escoitar dende o móbil a través da aplicación “Carballo a un paso”.

A OBRA

A lúa, válvula de spray, é unha metáfora do que pode acontecer nunha noite e unha reflexión arredor da identidade. Tres personaxes protagonistas, Sara (Melania Cruz), Leo (Santi Romay) e María (María Roja) ven como se transforma a súa vida nunha noite en Carballo, concretamente, na noite de San Xoán. “A peza é tamén unha reflexión sobre a identidade. A meirande parte dos murais que conforman a obra son de rostros ocultos, con máscara. Neste sentido, podemos falar dunha reflexion arredor das identidades: quen somos, que proxectamos cara aos demais. Ao cabo, fala desa cara visible, pero tamén oculta, da lúa”, apunta a autora, Rosalía Fernández Rial.

Quico Cadaval, director de 'A lúa, válvula de spray'. Foto: FIOT en pausa
Quico Cadaval, director de 'A lúa, válvula de spray'. Foto: FIOT en pausa

Unha vez finalice o FIOT en pausa, este domingo 18, a obra permanecerá á disposición da cidadanía a través da aplicación devandita da Concellería de Turismo e Promoción Económica do Concello de Carballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta