Feijóo defende que hai menos mortes nas residencias galegas e acusa de "demagoxia" á oposición

Protagoniza un tenso cara a cara coa nacionalista Ana Pontón, que lle afea a lista de falecementos e pide intervir todas as residencias

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 21/10/2020 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este mércores a xestión do seu Goberno das residencias de maiores no marco da pandemia e esgrimiu, fronte ás duras críticas da portavoz do BNG, Ana Pontón, que Galicia rexistra unha taxa de mortalidade inferior á media estatal. Con todo, garantiu que haberá "unha proposta" de mellora do modelo que será debatida nunha comisión de expertos antes de implantar as medidas.

En fronte, nun tenso cara a cara, Pontón centrou a súa primeira intervención da sesión de control en ler a listaxe de falecidos nas residencias de maiores máis afectadas pola pandemia, "unha lista que encolle o corazón" e que podería continuar, lamentou, ata sumar "os 364" usuarios de centros xeriátricos que perderon a vida na Comunidade por mor da covid-19.

Nesta conxuntura, urxiu a Feijóo actuar e "blindar" as residencias cunha intervención de todos os centros mentres dure a pandemia. Tamén esixiu que a Xunta eleve o cociente de persoal e que faga probas PCR a "todos" os usuarios. Neste contexto, avanzou, ademais, que o Bloque levará á comisión de reactivación económica e social activada na Cámara un novo modelo de coidados de maiores. E é que, baixo o seu punto de vista, non é de recibo que a Xunta siga sen tomar medidas "sete meses despois".

"Non podemos asumir con normalidade o que pasa nas residencias", sentenciou Pontón, quen reprobou que Feijóo recorra a comparacións de cifras de falecidos, á vez que lle recomendou "empezar a mirar aos mellores" e non a quen rexistran peores datos que Galicia. Así mesmo, a parlamentaria nacionalista censurou a "desvergoña" de responsabilizar "aos mozos" da pandemia, acusación "desmentida" polos datos, no canto de asumir "a propia incapacidade".

"O MEU PAI MORREU NUNHA RESIDENCIA"

Pola súa banda, Feijóo reivindicou as cifras galegas, cun número de falecidos nas residencias da Comunidade que está 18 puntos por baixo da media española --a 43,7% fronte ao 62%--, e de varios países europeos. En todo caso, ratificou que o seu Executivo traballa por "mellorar" o modelo e haberá "unha proposta" --da que non concretou os detalles-- que se debaterá coa comisión de expertos correspondentes.

Dito isto, afeou a Pontón, quen lembrara que houbo xente que non puido despedirse dos seus pais que faleceron en residencias na primeira onda da pandemia, unha "demagoxia impropia", así como "unha falta de ética absoluta". "Non me vai a ensinar o que é morrer un pai nunha residencia, a min morreume o meu pai nunha residencia, non me vai a ensinar o sufrimento que supón", esgrimiu o presidente, que perdeu ao seu pai no ano 2016.

"Un pouco de decoro", pediu Feijóo, a Pontón, antes de insistir en que non se pode usar "a dor das vítimas" e de apelar a aprobar leis no marco estatal que facilite a xestión da pandemia. Pontón pediu a palabra tras o que tachou de "indigno" discurso do presidente, pero o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, rexeitou a petición.

Feijóo, no pleno da Cámara autonómica.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI
Feijóo, no pleno da Cámara autonómica.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta