O SERGAS deberá indemnizar con 78.000 euros á familia dunha muller ourensá falecida tras unha atención incorrecta

O xulgado estimou que a atención prestada a esta veciña de Ourense os días 10 e 16 de agosto de 2012, sen unha exploración presencial, foi "incorrecta" e os facultativos incorreron en "mala praxe".

Por E.P. | Ourense | 21/10/2020 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela condenou ao Sergas e á súa aseguradora a indemnizar en 78.000 euros ao marido e ás fillas dunha veciña de Ourense, de 65 anos de idade, que faleceu en 2012 tras unha atención incorrecta no sistema sanitario.

Segundo recolle na sentenza, esta muller acudiu a Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense o 7 de agosto de 2012, por unha forte dor abdominal. Tras atendela, os facultativos diagnosticáronlle un posible cólico nefrítico, e déronlle unha cita preferente para o 17 de agosto dese ano no servizo de Uroloxía.

Poucos días despois de estar no hospital, e dado que as dores e molestias da muller empeoraran, as súas fillas contactaron co seu centro de saúde de referencia. Así, tanto o 10 de agosto como o 16 de agosto contactaron cun médico de Atención Primaria para advertir de que a súa nai empeorara, presentaba vómitos, febre, etc.

En ambas as ocasións, a paciente foi atendida por teléfono, e non se desprazou ao seu domicilio ningún facultativo para explorala, senón que se lle prescribiron medicamentos e, no caso da chamada do 16 de agosto, estimouse que non era necesaria a exploración presencial dado que tiña unha cita en Urología ao día seguinte.

Así as cousas, cando chegou o momento de acudir a esa cita, o 17 de agosto, o estado da muller xa era grave e, de feito, nunha primeira exploración nese servizo, foi inmediatamente derivada a Urxencias.

PERITONITIS E COMPLICACIÓNS

A paciente foi intervida por medio dunha laparotomía, que permitiu confirmar que padecía unha peritonitis e abscesos intraabdominais. De feito, as complicacións derivadas desa infección acabaron por ocasionar o seu falecemento.

O xulgado estimou que a atención prestada a esta veciña de Ourense os días 10 e 16 de agosto de 2012, sen unha exploración presencial, foi "incorrecta" e os facultativos incorreron en "mala praxe".

Por iso, estimou parcialmente o recurso interposto pola familia contra a resolución de Sanidade que rexeitaba a reclamación patrimonial, e condenou ao Sergas a indemnizar en 60.000 euros ao marido da falecida, e en 6.000 euros a cada unha do seu tres fillas.

O avogado Cipriano Castreje, cuxo despacho defendeu a posición da familia recorrente, lamentou que esa muller non fose atendida de forma presencial por un médico a pesar da alarma trasladada polas súas fillas.

Así mesmo, criticou que os médicos de Primaria aos que se consultou o 16 de agosto pediron "paciencia" á familia porque a muller tiña unha cita ao día seguinte en Uroloxía. "É intolerable, as persoas morren esperando", denunciou Castreje.

CHUO
CHUO | Fonte: ARQUIVO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta