Temas: BNG CSIC IEO

O BNG reclama a transferencia dos centros do Instituto Español de Oceanografía a Galicia

Rexeita a integración dos centros con sede en Galicia no Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/10/2020 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu ao Goberno que traspase a Galicia as competencias dos centros do Instituto Español de Oceanografía (IEO) con sede en Galicia de forma que pasen a formar parte da estrutura da Xunta.

Centro Oceanográfico de Vigo
Centro Oceanográfico de Vigo | Fonte: IEO.

Así o demandou nunha iniciativa rexistrada na Cámara baixa, na que critica a decisión adoptada polo Ministerio de Ciencia e Innovación de integrar o Instituto Español de Oceanografía (IEO), xunto con outros organismos públicos de investigación, dentro do CSIC.

"É unha decisión unilateral e na que non se contou coa opinión dos traballadores, nin sequera se falou coa dirección dos centros para consultar previamente o seu parecer", censurou.

A formación nacionalista aproveitou esta iniciativa parlamentaria para esixir que mentres non se materialice o traspaso de competencias por parte do Estado á Xunta polo menos se inicie un proceso de descentralización dos centros e das infraestruturas do IEO, concretamente para os que se atopan situados nas cidades da Coruña e Vigo.

"Estas medidas centralizadoras inciden directamente nunha falta de adaptación do traballo que se desenvolve nos centros de Galicia e nas necesidades dos sectores económicos vinculados ao mar do noso país", sinalou Rego.

O deputado do Bloque reivindicou que esta foi unha das funcións principais dos centros da Coruña e Vigo, o "asesoramento ao sector pesqueiro e marisqueiro, e non só investigadora". Unha actividade que, segundo denuncia, veríase relegada cando pase a depender do CSIC.

Temas: BNG CSIC IEO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta