Abrente aplaude o diálogo de Vence con CxG e Anova

O voceiro do Bloque chama a "sumar forzas" contra as políticas do PPdeG. Abrente non pecha a porta a EU.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/05/2013 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

Abrente, a corrente máis socialdemócrata dentro do Bloque, ve con optimismo os contactos informais iniciados entre o BNG e Anova. O grupo pide que se traballe de cara a consecución dunha "candidatura galega" para as eleccións europeas de 2014.

Público nun acto de Abrente
Público nun acto de Abrente

Segundo fontes de Abrente consultadas por Europa Press e que recollen varios medios, o obxectivo é artellar unha coalición "o máis amplia posible" na que mesmo poderían participar forzas non nacionalistas. "Non ten porque ser só de nacionalistas" declaran dende Abrente antes de destacar que cómpre evitar calquera "tipo de veto". Abrente aposta ademais por unha coalición que non necesariamente supoña ningunha integración orgánica das forzas participantes.

En teoría, estas condicións abren unha fiestra para lograr unha fronte amplia entre BNG, os socios nacionalistas de Alternativa Galega de Esquerdas (Anova e Ecosocialistas) e os socios non nacionalistas de AGE (Esquerda Unida e Equo).

Agora ben, cómpre ter en conta que a UPG -o partido máis numeroso no Bloque- descarta de entrada calquera coalición electoral con forzas que teñan o seu ámbeto de decisión fóra de Galicia como é, na súa opinión, Esquerda Unida ou Equo. O papel de Vence neste sentido é complicado, pois os postulados aprobados pola maioría da militancia do Bloque insisten en que a soberanía do país é a única vía realista para saíra da crise.

Abrente, en todo caso, aplaude o movemento a prol do diálogo lanzado por Xavier Vence, voceiro do Bloque grazas en boa medida ao apoio da UPG. Esta quenda de contactos preliminares inclúen a outro grupo nacido ao fío das escisións do Bloque, os socialdemócratas de Compromiso por Galicia, segundo a axencia citada.

Vence confirmou hoxe en rolda de prensa o diálogo con Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e unha próxima reunión formal entre as dúas formacións. Agora ben, Vence deixou claro que polo de agora só se trata dunha vía de comunicación para "sumar forzas" contra os recortes do PPdeG. 

O deputado Antón Sánchez (Alternativa Galega de Esquerdas) cualificou de "positivo" o diálogo entre Beiras e Vence. Iso si, o parlamentario deixa claro que polo de agora en Anova non hai decisión tomada sobre futuros pactos electorais máis aló do chamamento ao un "fronte amplo" en contra das políticas neoliberais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 33 comentarios

18 Mastro

EU concorrerá, é de supoñer, como partido estatal á Elección ao Parlamento Europeo. AGE ten por tanto díficil cabida nesa estratexia. Outra cousa é que Beiras faga un cambio de saia e vaia nesa convocatoria con forzas únicamente galegas. Isto da para moito, e falta moito, falta un ano. Cousas veredes.

17 Lubre

Que inconvenientes hai en que se reúnan e falen representantes de movementos galegos nacionalistas que loitaron xuntos polo mesmo ideal durante tanto tempo? Son realmente de esquerdas? Teñen os mesmos obxectivos políticos e sociais? É o mesmo país –Galiza- no que se centra a súa acción e a súa paixón? Que pensan que é Galiza? Un brinquedo dos seus caprichos? Algo que ten que conformarse partindo do seu exclusivo punto de vista? Un simple chanzo para erguer cada un o seu monolito, sentar á súa beira e contemplar o ben que o fixo, é dicir, con que mestría reduciu a cinsas a sincera vontade de moitos galegos e galegas? Ceibemos a Liberdade dos esgátulos nos que a temos fechada. Tamén nas organizacións e movementos políticos.

16 Contradición

A cuestión central a debate e que compre clarificar é a seguinte:Cal é a contradición principal Galiza-España ou Esquerda-Dereita. Para moitos de nós a contradición principal é Galiza-España e como consecuencia de como é hoxe esa relación a clase traballadora galega está oprimida, paso previo para á xustiza social é a liberación nacional que polo tanto só se pode dar dende unha práctica e unha loita de esquerda. Pensar na posibilidade de mellora das clases populares galegas dentro do estado español nun confronto xeral esquerda-dereita é ilusorio. É aquí a cuestión e a diferencia, e non é algo valadí.

1 Arquiveiro

Todo iso está moi ben, para debatir nas eleccións locais e autonómicas; pero agora o que se ten que falar é de 2 o 3 puntos en común (pesca, prezo da leite, etc.) para converxer nas eleccións autonómicas. Á xente non lle sirve os debates baleiros para pagar o aluguer o mercar comida... iso hai que loitarlo en Europa, a modo de lobby galego. Esperemos que os nosos políticos teñan algo de sentido común.

2 Ameneiro

E cal é o meu ollo principal, o dereito ou o esquerdo? E a miña perna principal?

3 Roi Xordo

Ameneiro, deches no cravo. A miña perna e brazo principais son o dereito, mais non me poido permitir o luxo de quedar coxo ou manco.

4 Ameneiro

Para camiñar eu non teño perna principal, preciso das duas para avanzar.

15 Que maldade

Que malos os do BNG non? Son reféns dos postulados aprobados pola súa militancia. Que antidemócratas!

1 eusi

Quedastes sen argumentos para criticar a Anova e xa non sabedes por onde botar bile...

14 OfillodeClark

A redacción da nova é unha "chafallada", e iso sendo ben pensados. Nin Abrente se define como unha forza socialdemócrata, nin é correcto pór a CxG na mesma noticia, tamén chamándolles "socialdemócratas", coma se estivésemos ante unha estratexia común enfrontada á da UPG.