Cinco dos últimos doce mortos con Covid-19 vivían en residencias

Tres eran usuarios dos Gozos, en Pereiro de Aguiar, outro do Viso de Lobeira e unha muller procedía da residencia de Salvaterra.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/10/2020 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

Cinco das 12 persoas cuxa morte foi notificada na pasada xornada polas autoridades sanitarias galegas vivían en residencias. Dos cinco, tres eran usuarios dos Gozos, en Pereiro de Aguiar (Ourense), outro do Viso de Lobeira (Ourense), e unha muller procedía da residencia de Salvaterra (Pontevedra), este martes intervida pola Xunta.

Evolución dos falecidos con covid-19 en Galicia
Evolución dos falecidos con covid-19 en Galicia | Fonte: Europa Press

Destes cinco falecementos, tres producíronse en hospitais e outros dous na propia residencia dos Gozos.

En concreto, a Xunta confirmou que na pasada xornada se rexistraron 10 mortes de positivos con covid-19 nos centros hospitalarios galegos. Tres deles son dous homes de 87 e 53 anos, e unha muller de 80, que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Ademais, faleceron un home de 91 anos que estaba ingresado no Hospital Quirón Saúde da Coruña; unha muller de 87 que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF); e dous homes de 88 e 84 anos que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (o ancián de 84 anos usuario da residencia de Salvaterra).

Así mesmo, perderon a vida un home de 84 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e que procedía da residencia O Viso; e unha muller de 82 anos que tamén estaba ingresada no CHUO e procedía dos Gozos.

Completan os falecementos notificados na pasada xornada dous na propia residencia dos Gozos: unha muller de 92 anos e un home de 87, ambos con patoloxías previas, do mesmo xeito que o dez persoas que perderon a vida en hospitais galegos.

En total, Galicia computa 880 falecidos con coronavirus desde que se iniciou a pandemia.

TOTAL CONTAXIOS EN RESIDENCIAS

Os usuarios de residencias contaxiados con Covid-19 en Galicia aumentaron a 340 tras rexistrarse 42 positivos na de Salvaterra de Miño (Pontevedra) --que foi intervida pola Xunta--, 19 na de Nosa Señora dos Miragres en Barbadás (Ourense) e 12 no Fogar Residencial San Miguel de Silleda.

Así consta nos datos actualizados este martes pola Consellería de Política Social, nos que se reflicten entre os usuarios 86 novos contaxios, oito altas e cinco falecementos, o que supón un incremento de 73 nos infectados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta