A Cidade das TIC irá incluída na proposta da Xunta presentada ao Goberno para optar aos fondos europeos

Así llo trasladou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, ao reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, durante un encontro este martes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2020 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia incluíu a Cidade das TIC na candidatura presentada ao Goberno de España para optar aos fondos europeos de reconstrución Next Generation, na que se recollen de forma inicial 108 proxectos.

Así llo trasladou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, ao reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, durante un encontro mantido este martes e do que informou a Xunta nun comunicado.

De saír adiante esta proposta, segundo indica a Xunta, a previsión é que a iniciativa chegue a mobilizar 55 millóns de euros para, desde a colaboración público privada, construír un Polo TIC que albergue empresas, un campus tecnolóxico con cabida para un centro de I+D, unha incubadora de alta tecnoloxía centrada na intelixencia artificial e o big data, un centro demostrativo e de servizos avanzados, un centro de formación e difusión TIC, así como a sede dun nodo da Estratexia dixital galega 2030 e nacional de intelixencia artificial.

O vicepresidente económico trasladou ao reitor da UDC o compromiso da Xunta con esta iniciativa que, conforme sinalou, pretende dar resposta ás demandas do tecido industrial galego, activar proxectos de I+D disruptivos vertebradores e atraer novos investimentos en Galicia.

Neste sentido, dentro da convocatoria dos centros de fabricación avanzada, a Cidade das TIC recibiu un apoio de 4,82 millóns para acondicionar unha das naves nas que se instalarán catro laboratorios e empresas do sector.

Conde sinalou que a Cidade das TIC, enmarcada na candidatura dentro do eixo destinado á modernización do tecido produtivo, encaixa cos criterios europeos e nacionais, xa que é o exemplo dunha iniciativa viable, ben definida e madura que contribuirá á transformación económica e social de Galicia.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde . MONCHO FONTES
O conselleiro de Economía, Francisco Conde . MONCHO FONTES

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta