Os sanitarios alertan da "situación crítica" da Atención Primaria e piden respostas á Xunta

Critican a "política de pantalla" do Goberno galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2020 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

A Plataforma SOS Sanidade Pública reclamou este mércores máis persoal e fondos para os centros de Atención Primaria e hospitais de Galicia fronte á "política de pantalla" do Goberno da Xunta. Así o manifestaron, en rolda de prensa, representantes da plataforma, que denunciaron que "a Xunta está a marxinar a sanidade pública", á vez que avisaron da "situación crítica" dos centros de saúde en Galicia.

O portavoz da plataforma, Manuel Martín, cualificou de "inaceptable" que os pacientes "teñan que esperar facendo cola na rúa" ou que agarden "máis de 15 días" nalgúns casos para recibir atención telefónica. "A xente necesita ter acceso ao sistema de entrada", afirmou en relación á Atención Primaria, para advertir de que "se está pondo en risco a saúde e a accesibilidade".

"Non se está facendo prevención de saúde", subliñou Manuel Martín, quen comentou que aseguradoras "ofrecen seguros lixo a 15 euros ao mes". A iso sumou que hai "hospitais semiparalizados", o que repercute no "incremento das listas de espera" que "a Administración (autonómica) non pon en coñecemento da poboación".

Deste xeito, manifestou que persoa con patoloxías graves "non están a recibir en tempo e forma" asistencia. Iso, abundou, leva un "incremento da mortalidade", que cifrou nun "40%", "non só por Covid, senón porque hai xente que non está a recibir tratamento", matizou.

"ACTUACIÓN RÁPIDA E CONTUNDENTE"

Por iso, a plataforma SOS Sanidade Pública reclama en Galicia unha "actuación rápida e contundente" por parte da Xunta ante o "malestar social". "Non podemos basear a estratexia en meter medo", avisou, polo que esixen un "plan urxente para a recuperación da Atención Primaria", con "recursos e persoal".

A isto sumou o papel dos concellos como "ferramenta fundamental na loita contra a Covid", polo que criticaron que "non se está contando" con eles, polo que a plataforma apela a unha "implicación social" das institucións.

RESIDENCIAS

Así mesmo, ven "inaceptable" a situación das residencias de maiores en Galicia, polo que demandan unha "auditoría para coñecer os seus problemas e deficiencias". "A Administración ten que facerse cargo desta situación", reclamaron.

Manuel Martín incidiu no "malestar" do persoal e da poboación que "culpa aos traballadores" ante a "inacción e falta de interese da Administración". Fronte a iso valorou a "xenerosidade importante" de partidos políticos e sindicatos representados na plataforma no consenso. "Hai que levantar unha gran a para facer fronte a esta situación", apelou.

A iso sumou as mocións presentadas en concellos e deputacións para "esixir todo isto". Tamén reivindicaron como "fundamental" ao Consello Técnico de Galicia "que se reuniu durante máis dun ano" e está "paralizado" o acordado no mesmo. "Se queremos saír do problema, hai que ir coa Atención Primaria, as autoridades locais e a poboación para afrontar a situación", sentenciou.

Neste sentido, a portavoz parlamentaria de sanidade do BNG, Montse Prado, incidiu na "grandísima preocupación na sanidade pública do país" para a que "se requiren medidas excepcionais" mentres "o Sergas non está a ofertar ningunha". "Ten a sanidade do país en situación de anemia", engadiu.

Por iso, afirmou que "non se pode seguir co plan anémico de antes da pandemia" porque a Atención Primaria "necesita recursos" e a Xunta "está a tardar", polo que criticou que vaia "detrás do virus", comentou en relación ao contexto actual pola Covid-19. Pola súa banda, o portavoz da plataforma en Compostela, José María Divos, destacou que "hai 20 días" solicitaron unha entrevista co conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, "e non contestou" e "hai 15 días" co xerente do Sergas, José Flores, do que tampouco tiveron resposta.

Tras insistir no "cabreo xeneralizado" dos profesionais e pacientes, o doutor Deus lamentou as "agresións verbais" a traballadores da sanidade galega debido á situación actual. Por iso, chama a sacar do "caixón" as medidas acordadas o ano pasado no Consello Técnico porque "se non as pon en marcha estamos como en marzo". "O goberno do PP non fixo nada", lamentou e apostilou que "esta administración non quere investir en sanidade" para cualificar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "como bo privatizador".

MERCADOTECNIA

Polo seu lado, Maica Bouza, de CCOO, sinalou que "o PP de Galicia ten unha boa política de mercadotecnia baseada en botar balóns fora e culpar a outros das súas decisións". "Defendemos unha sanidade pública e universal que non temos nestes momentos", reprochou, para reivindicar "medidas preventivas" e non "decisións post" fronte á "política de pantalla" da Xunta.

Por iso, insisten en "reforzar o persoal" de primaria e hospitais; así como solucións para as residencias. "Menos política de propaganda, menos política de pantalla e máis transparencia", demandou Maica Bouza. Ao fío diso, por parte de Podemos Galicia, Verónica Hermida, reclamou que "o Sergas escoite dunha vez" e defendeu as mocións en concellos e outras institucións.

PLAN DE CONTINXENCIA

Con todo, Manuel Martín insistiu en que non teñen constancia de "un plan de continxencia" por parte da Xunta para a sanidade galega e lamentou que "numerosos hospitais paralizaron a actividade cirúrxica", pero descoñecen cantos porque non lles facilitan os datos. "Non hai ningunha información real do que está a ocorrer", afirmou.

Neste sentido, sinalou que "a xente se queixa porque non hai asistencia adecuada", á vez que advertido do "temor e frustración" da sociedade. "Entre o temor e o estalido social hai unha fina liña", concluíu. "Téñennos que dar esperanza", reclamou.

Sanitarias
Sanitarias | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta