Por E.P. | Pontevedra | 29/10/2020 | Actualizada ás 16:36
O claustro do edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolle desde este xoves 29 de outubro ata o 24 de xaneiro a exposición 'De mestras e mestrados', con traballos de profesores e antigos alumnos, coa que a Facultade de Belas Artes celebra o seu 30 aniversario.
O decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, exerce de comisario desta exposición que recolle os traballos de oito docentes e oito estudantes da facultade pontevedresa.
Buxán destacou durante a inauguración desta mostra que con ela "quería construír un relato a partir das nosas profesoras artistas, que teñen carreiras consolidadas e que expuxeron en centros de referencia nacional e internacional".
Esta exposición verase complementada pola edición dun catálogo. Loreto Blanco e Abi Castillo, Mar Caldas e Milo Arias, Marisa Fernández e Cristian Benítez, Almudena Fernández Fariña e Isabel Flores, Yolanda Herránz e Celeste Garrido, Anne Heyvaert e Yatir Fernández, Chelo Matesanz e Xoana Pascual Pousa e Mónica Ortuzar e Amaya González son os protagonistas de este diálogo artístico.
O acto de apertura celebrado este xoves contou tamén coa intervención do vicerreitor do campus, Jorge Soto, que puxo en valor a importancia de "reivindicar a cultura e a creatividade como algo necesario para saír desta pandemia", así como no papel que neste campo xoga en Pontevedra Belas Artes, "unha facultade absolutamente enraizada no quefacer diario da cidade".
Vicerreitor e decano subliñaron tamén a importancia que para a institución académica ten a colaboración co Museo de Pontevedra, como tamén fixo o seu director, Xosé Manuel Rey, que destacou o "interesante diálogo interxeracional" que esta mostra articula.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.