Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/05/2013 | Actualizada ás 16:00
Un grupo de estudantes denuncian que deberán pagar o dobre de taxas polos exames das convocatorias libres das escolas oficiais de idiomas de Galicia (EOI). Din que a orde parte dunha circular aprobada por Educación o pasado 22 de abril e remitida aos centros recentemente.
Nesta orde recóllese que o prezo por convocatoria será de 70 euros para aqueles que foron estudantes das EOI ou 89 --70 máis 19 euros de matrícula-- para os que nunca estudaron nun destes centros. Sen embargo, o grupo de afectados denuncia que antes ese era o prezo que había que pagar polas dúas convocatorias --a de xuño e a de setembro-- e non só por unha.
Críticas polo retraso
"A xente está indo matricularse e a moita non lle contan o que hai. Atopará a sorpresa en xuño, cando vexa que non pode ir a setembro se suspende", denuncia unha das afectadas que critica que a apertura de matrícula "fíxose tardísimo" e deixounos sen opcións de ir presentarse a Castela León ou Asturias "onde non houbo ningunha suba".
Precisamente, e debido o retraso da tramitación nas propias instancias orzamentarias da Xunta, a circular non recolle as novas taxas previstas que serían de 45 euros por convocatoria. Esta é a razón, segundo a Xunta, que provocou que figure 70 e 89 euros por convocatoria única.
A Xunta di que se pode pagar a metade
Sen embargo, fontes de Educación aseguran que os estudantes só terán que pagar a metade por convocatoria; é dicir, 35 os ex alumnos dalgunha EOI e 44,5 os non alumnos. "Tentaremos regularizar esta situación cuando se aprobe o novo decreto de taxas", suliñaron.
Sen embargo, os afectados din que esta fórmula é inviable porque na matrícula oficial é imposible fraccionar o pago. "Ou pagas 70 e 89 ou senón non te matriculan", din. "Se pago 35 euros non mos aceptan no banco porque é algo ilegal e se pago 70 e aprobo na primeira convocatoria, quen mos devolve?", preguntanse.
"Non temos autonomía"
Pola súa banda, desde as EOI apuntan que se limitan a acatar as ordes da consellería. "Nós non temos nada que ver e o proceso de matrícula é da propia Xunta e nós só recepcionamos matrícula e incluímos alumnados na convocatoria de exames pero non temos autonomía para fixar taxas", deféndese Gonzalo Constenla, director da EOI. "Temos que facer o que nos mandan, aínda que temiamos que ía haber protestas e é lóxico", engade.
O grupo de afectados leva día informando da súa situación nas EOI, e en diferentes contas de twitter e Facebook. De feito crearon unha iniciativa online --que xa conta con case 200 sinaturas- para pedir firmas e pedir que se supriman as actuais taxas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.