As galiñas controladas... Por que é importante ter rexistrados os currais de autoconsumo nestes momentos?

A medida estatal levantou a polémica no campo, pero a profesora da Facultade de Veterinaria da USC Ana María López Beceiro lembra que isto non vai de Facenda, senón de saúde pública: sen rexistro, non hai protección fronte á gripe aviaria, unha enfermidade que ten explosións de letalidade cada certos anos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando se anunciou a obrigatoriedade de rexistrar galiñas de autoconsumo en Galicia, moitas persoas tomárono coma unha intromisión innecesaria. Algúns pensaron en Facenda, outros en burocracia excesiva. Pero poucos se detiveron a pensar que detrás desa norma había un obxectivo sanitario claro: evitar que unha enfermidade contaxiosa, como pode ser na actualiade a gripe aviaria, se propague sen control. A medida xerou debate, sobre todo entre persoas que teñen iso que dicimos como 'catro galiñas pola casa' e que non por iso son granxeiros nin moito menos, senón que as coidan para o autoconsumo. Sen embargo, tal e como explica a Galicia Confidencial a profesora da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ana María López Beceiro, o motivo non ten nada que ver coa fiscalidade: "Non é por Facenda, é por unha cuestión sanitaria".

Varias ocas nun curral, a 6 de marzo de 2024, en Bóveda
Varias ocas nun curral, a 6 de marzo de 2024, en Bóveda | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Cómpre lembrar que foi no ano 2023 cando unha nova normativa estatal desatou a indignación no rural galego ao esixir o rexistro de todos os lugares nos que se criaran animais, incluídos os pequenos currais domésticos de galiñas destinados ao autoconsumo. A medida, pensada para controlar a sanidade animal, foi vista en Galicia como unha burocracia desproporcionada que non distingue entre gandaría industrial e tradicións rurais. Veciños, asociacións e alcaldes alzaron a voz baixo lemas como 'As miñas galiñas non son industriais', e a Xunta pediu a súa retirada. Ante a presión social, o Goberno central aclarou que o rexistro non era obrigatorio se non hai venda nin saída de animais da finca. Aínda así, a norma non se modificou formalmente, deixando confusión e malestar no campo galego.

"SE NON ESTÁS NUN REXISTRO, NON CHE PODEN PROTEXER"

A lóxica é sinxela: cando aparece un foco de gripe aviaria, rastréxanse e contrólanse todas as explotacións nun radio de dous quilómetros. Pero, se un propietario non está rexistrado, ninguén saberá que os seus animais están alí nin poderá intervir preventivamente. "Estar rexistrado é unha maneira de protección, porque, se hai un problema preto, van mirar se a ti tamén che afecta; do contrario, quedas fóra de todo control sanitario e corres risco", afirma López Beceiro. E é que dende o punto de vista veterinario, como sinala, as pequenas explotacións "de autoconsumo" poden supoñer mesmo máis risco que unha granxa profesional. "En moitas casas do rural galego, as galiñas atópanse campando polas hortas, sen medidas de bioseguridade, e poden entrar en contacto con aves silvestres, mesmo mortas", advirte, asegurando que "aí é onde está o verdadeiro perigo". Pois aínda que asegura que o risco de transmisión da gripe aviaria de aves a humanos é baixo, existe, e "ninguén quere ter unha cepa altamente patóxena nos animais cos que convive de maneira moi próxima". 

O CONTRASTE: CONTROL INDUSTRIAL VS. LIBERDADE DOMÉSTICA

Varias galiñas nun curral, a 6 de marzo de 2024, en Bóveda
Varias galiñas nun curral, a 6 de marzo de 2024, en Bóveda | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

As grandes explotacións teñen protocolos estritos: barreiras físicas, filtros, sistemas de vixilancia... Por iso, é máis difícil que unha infección entre nunha granxa industrial que nun galiñeiro doméstico. "Aínda que as condicións de vida das galiñas obviamente sexan peores nunha nave pechada, sanitariamente están moito máis protexidas", sinala a experta. E engade: "Agora que tanto se aposta polas galiñas en liberdade, é importante lembrar que iso está moi ben dende o punto de vista do benestar animal, pero implica un maior risco sanitario". E exemplifica: "Se un pato enfermo chega ata un curral, canso de voar porque se atopa infectado polo virus da gripe aviaria, a transmisión ás galiñas domésticas e outras aves que haxa alí é posible; mentres que nunha granxa pechada iso é moito máis complicado que aconteza".

UNHA MEDIDA QUE SE MALINTERPRETOU

López Beceiro recoñece así que parte do problema foi a maneira de comunicar a norma. "Ás veces cremos que nos están controlando por gusto, pero hai que entender por que se fan as cousas", apunta. E, neste caso, "a medida tiña moito sentido dende o punto de vista veterinario, para ter capacidade de resposta rápida se aparecese un brote dalgunha enfermidade infecciosa". O problema? A falta dunha boa comunicación sobre o tema. Ademais, tamén recoñece que a administración non sempre o pon doado: "É certo que ás veces a burocracia é pesada e os trámites poderían simplificarse e ser máis áxiles, pero iso non quita que o obxectivo desta norma fose o de protexernos". E fai unha comparación co caso dos controis de tráfico: ninguén os desfruta, pero todos entendemos cal é a súa función: salvar vidas.

CONTROLAR NON PARA VIXILAR, SENÓN PARA PREVIR

A clave, dende o seu punto de vista, está na prevención. "Cando chega un animal silvestre morto a unha zona, actívanse protocolos: se tes aves rexistradas, analízanse, íllanse e protéxese a zona; se non estás rexistrado, ninguén saberá que hai risco". Por iso, a profesora da USC insiste en que non se trata de alarmar, senón de ter unha rede de vixilancia funcional. Porque, en casos de virus como o da gripe aviaria, cada día de retraso en detectar un foco pode supoñer ducias ou centos de animais contaxiados. "O produto de granxa na maioría de ocasións esstá moito máis controlado sanitariamente que o produto da casa", apunta, matizando que "outra cousa é se falamos da calidade ou sabor". Así, asegura que "os produtos que se poñen no mercado pasan por uns controis sanitarios estritos e, niso, o noso país é dos máis seguros a nivel mundial".

"OS CICLOS EXPLOSIVOS DO VIRUS NON SE PODEN EVITAR, PERO SI CONTROLAR"

A gripe aviaria é un virus natural, antigo, co que convivimos dende hai séculos. "De vez en cando ten ciclos explosivos, e iso non se pode evitar, pero si podemos controlalo cando chega", reivindica. E aí é onde entra o rexistro, non como imposición, senón como ferramenta de saúde pública. "Por sorte contamos con controis veterinarios, sanitarios e alimentarios sobre os animais e os produtos que deles consumimos que fan que realmente ante pequenos brotes dalgunha enfermidade se tomen medidas drásticas para evitar consecuencias maiores", resalta López Beceiro. "Non se trata de molestar ao que ten galiñas, trátase de protexelo a el e a todos os demais", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta