Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/10/2020 | Actualizada ás 15:50
A Real Academia Galega (RAG) anunciou que finalmente non se celebrará este sábado, 31 de outubro, o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero, que ía desenvolverse a partir das 12,00 horas na sede da institución, na Rúa Tabernas, 11, da Coruña.
A decisión tómase tras o anuncio das autoridades do peche perimetral das cidades galegas debido ao agravamento da pandemia e o acto queda posposto á espera de coñecer como evoluciona a situación sanitaria.
Xa en abril a pandemia obrigou á RAG a pospor o pleno extraordinario que se celebra tradicionalmente o 17 de maio ata o mes de outubro, unha medida inédita e sen precedentes na historia das Letras Galegas.
A data elixida entón para celebrar o pleno era este sábado 31 de outubro, xusto o día despois da conmemoración do 110 aniversario do nacemento do intelectual ferrolán.
LECTURA CONTINUADA
Así mesmo, para este venres quedou anulado o acto de lectura continuada da principal obra narrativa de Carvalho Calero 'Scórpio' iniciada pola neta de Carvalho Calero, Margarida Cela.
Este acto, previsto para a tarde este venres, ía ter lugar no Salón Nobre da USC, en Fonseca, e contaba coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.