Intervidos máis de 500 kg de peixe e marisco furtivos nunha operación centrada en Ferrol

Só na ría ferrolá foron comisados 340 kg de produto ilegal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2020 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

O Servizo de Gardacostas de Galicia requisou, en varios operativos desenvolvidos nos últimos días contra o furtivismo, máis de 570 quilos de peixe e marisco de procedencia ilícita, así como un vehículo, 750 útiles de pesca e 800 metros de artes de enmalle. Ao longo das últimas xornadas, segundo informa a Consellería do Mar este sábado, os axentes de Gardacostas realizaron varias operacións contra o furtivismo e a pesca ilegal en distintos puntos do litoral galego.

Así, na ría de Ferrol foron comisados máis de 340 quilos de peixe e marisco, 40 útiles de pesca, 540 metros de artes de enmalle e, mesmo, un vehículo, que foi requisado nunha acción conxunta de Gardacostas e Garda Civil na que foron identificadas dúas persoas que levaban no seu coche uns 95 quilos de vieira e dous equipos de submarinismo.

Na Coruña, a cantidade aprehendida foi de máis 100 quilos de marisco e uns 50 últiles, a maior parte nunha operación no pantalán de Oza, onde foron comisados 68 quilos de nécora, 17 quilos de lubrigante e 3 quilos de camarón, así como dez viveiros e tres salabardos.

Nas rías de Ares e Betanzos foron descubertos 11 quilos de marisco de procedencia ilícita, mentres que na Costa da Morte os controis saldáronse coa interceptación de 5 quilos de marisco, cantidade que se elevou a 28 nas accións desenvolvidas na ría de Muros e Noia.

Os axentes de Gardacostas tamén se despregaron os últimos días na ría de Arousa, zona na que foron comisados 47 quilos de peixe e marisco, ademais de 68 aparellos. En concreto, na Illa de Arousa, foron requisadas 30 nasas e máis de dous quilos de marisco, a maioría polbo que carecía da identificación necesaria.

Por último, na ría de Vigo as accións de control de Gardacostas saldáronse con 586 aparellos intervidos, dos cales, a maioría eran cacharros descubertos en Oia e que foron requisados por estar fóra da lexislación. Nesa mesma ría foron comisados 18 quilos de peixe e marisco, mentres que na de Pontevedra foron 15 quilos de varias especies do mar, ademais de 150 metros de artes de enmalle.

Gardacostas Requisa Máis De 750 Útiles De Pesca, Un Vehículo E Arredor De 570 Quilos De Distintas Especies De Peixe E Marisco. Xunta de Galicia
Gardacostas Requisa Máis De 750 Útiles De Pesca, Un Vehículo E Arredor De 570 Quilos De Distintas Especies De Peixe E Marisco. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta