Cando os colexios fan dos seus muros e paredes espazos abertos á natureza

Artistas realizarán intervencións artísticas en varios colexios de Pontevedra para fundir os centros educativos co seus entornos naturais.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 04/11/2020 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Xa está feito o bosquexo do primeiro dos murais que Quique Mauricio e Carlos Taboada, do equipo de Polo Correo do Vento, deseñaron no marco do proxecto ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, un proxecto que pretende acercar os centros educativos de Pontevedra ao medio ambiente e promocionar entre os máis novos a protección da natureza.

Presentación dun dos murais que se farán no colexio Xunqueira I de Pontevedra dentro do proxecto ‘O teu cole na historia’
Presentación dun dos murais que se farán no colexio Xunqueira I de Pontevedra dentro do proxecto ‘O teu cole na historia’ | Fonte: Concello de Pontevedra

Precisamente, o tenente de alcalde e concelleiro de Educación de Pontevedra, Tino Fernández, achegouse esta mañá ata o CEIP A Xunqueira para ver esta primeira composición. Alí, os propios creativos explicaron a un grupo de nen@s do centro educativo, en presenza da súa directora, Susana Diéguez, dunha docente e dunha intérprete de lingua de signos, que a temática “está inspirada no propio ámbito natural da Xunqueira de Alba, cos seus paxaros, a súa fauna e a súa flora”.

Non obstante, Mauricio e Taboada convidaron aos máis pequenos, observadores de excepción desta contorna, a tomar boa nota dos elementos “que poidan botar en falta” e que serían susceptibles de seren engadidos ao mural, de xeito que “todos contribúan e poñan o seu grao de area á obra”. “Neste caso -indicaron os autores da pintura- ímonos centrar máis nun elemento identitario como é a riqueza medioambiental desta Xunqueira na que se atopa o colexio, mentres que noutros centros os murais repasarán parte da historia do propio centro e de Pontevedra”.

Un total de 15 colexios de Infantil e Primaria de Pontevedra participarán neste programa, impulsado pola Concellería de Educación coa finalidade de acadar a identificación do alumnado co seu centro escolar. A través dunha serie de pinturas, a iniciativa permitirá destacar as singularidades propias de cada centro escolar, así como a súa historia e contorna natural e urbana, facendo fincapé nas peculiaridades referentes ás instalacións, personalidades vencelladas aos mesmos ou monumentos e espazos patrimoniais de relevo que identifiquen o colexio e sexan contido de estudo e interese para os estudantes. 

Así, os centros máis próximos ao río Lérez, por exemplo, tratarán de amosar a biodiversidade dos bosques de ribeira, os que se atopan preto de xacementos arqueolóxicos farán fincapé nas pinturas rupestres, e os que se ubican achegados á ría de Pontevedra lucirán motivos mariñeiros e oficios do mundo do mar. Os murais terán unhas dimensións de dous metros por dous metros e cada un deles formará parte dun conxunto identificable de intervencións artísticas que servirán para dar unha imaxe común dos colexios implicados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta