Maiores con úlceras, colchóns rotos e baños con lixo… Esta é a situación “inhumana” da residencia de Salvaterra

“Isto parece África. Nunca pensei atoparme con estas condicións infraumanas en Galicia”, di a presidenta de TREGA nun centro no que hai 20 mortos e máis de cen contaxiados pola Covid. Os propietarios gañaron en 2017 un millón de euros a conta deste centro. A situación pode acabar na Fiscalía. CIG ve a Xunta "cómplice necesario" do ocorrido e reclama unha investigación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/11/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

Maiores con úlceras sangrantes e unha situación deplorable, algúns deles pechados no propio cuarto, durmindo en colchóns rotos e sucios, e con lixo e porcallada en distintas estancias. Así é a situación que se atoparon o colectivo de  traballador@s de Residencias de Galicia (Trega) na residencia de Salvaterra de Miño, intervida pola Xunta  a finais de outubro polo contaxio masivo dos seus usuarios.

Así están os baños da residencia de Salvaterra, intervida pola Xunta
Así están os baños da residencia de Salvaterra, intervida pola Xunta | Fonte: Tegra

Hoxe, a practica totalidade dos internos, segundo os traballadores públicos, están contaxiados. Son máis dun cento de prazas, das que 60 son beneficiarias de cheque asistencial da Xunta e 12 concertadas coa Administración Pública. A Xunta fala oficialmente de 11 mortos xa, mentres que os traballadores elevan a cifra a máis de 20. É tal a situación caótica deste centro que a presidenta de TREGA, Sonia Jalda, fala de “condicións infrahumanas e inhumanas”. 

"ISTO PARECE ÁFRICA"

“Estamos falando que iso parece África. Nunca pensei atoparme con esas condicións infrahumanas.Isto non se pode consentir. Xo levamos denunciando fai anos e tivo que vir a Covid para que a xente coñeza como se vive nestes centros que só están para gañar diñeiro”, apunta.en declaración a Galicia Confidencial “É un trato inhumano, sobre todo, para xente que pasou tanto na vida e agora ten que vivir os seus últimos momentos nestas condicións lamentables”.

A situación deste centro non é moi diferente a doutros que foron tamén intervidos pola Xunta, aínda que, neste caso, a realidade supera á ficción. “Nunca pensei que os nosos maiores puideran vivir nestas condicións”, di.  E todo pola “avaricia de gañar diñeiro” a conta dos máis vellos. 

Así están os colchós sobre os que durmen os usuarios da residencia de Salvaterra de Miño
Así están os colchós sobre os que durmen os usuarios da residencia de Salvaterra de Miño | Fonte: Tegra

GAÑAR DIÑEIRO

Este centro é propiedade de dous irmáns. Tegra xa fixo as súas averiguacións.  Teñen cinco empresas, unha inmobiliaria, unha empresa de peixe, un centro comercial e a residencia. Só en 2017 facturaron un millóns de euros coa residencia. Unha residencia na que agora morren en soidade e en condicións indignas os seus residentes.

A Xunta enviou a 30 profesionais para tentar tomar o control deste centro, pero a situación de descontrol é tal que motivou que Tegra remitiu un escrito ás consellerías de Sanidade Política Social para que haxa unha actuación urxente da Inspección de Servizos Sociais e se avalien as condicións nas que se atopan os usuarios e as traballadoras da residencia. Tamén piden que se investiguen as súas instalacións e que se adopten as medidas necesarias para preservar a súa saúde, dignidade e integridade moral e física.

“Non entendemos como esa Inspección de Servizos Sociais non actúa na súa preceptiva labor inspectora, nin antes nin durante a intervención, o que consideramos unha clara deixadez nas súas funcións con consecuencias desastrosas para a saùde dos usuarios e as traballadora”, denuncia. Se a Xunta non atende as súas peticións este tema, advirte Jalda, acabará na Fiscalía.

SINDICATOS


A raíz desta denuncia, a Central Intersindical Galega (CIG) reclama a apertura dunha investigación na residencia privada de Salvaterra de Miño polas "deficiencias" que levaron a que a asociación Traballadores de Residencias de Galicia (Trega) puxese unha denuncia ante a Inspección da Consellería de Política Social.

Tras a publicación deste escrito, a CIG emitiu un comunicado no que tacha á Xunta de "cómplice necesario" dunha "sobrecarga" de traballo da que, segundo lembra, alerta o sindicato "desde o ano 2017".

Por isto mesmo, a central nacionalista esixe ao Goberno galego "un cambio radical" no modelo de xestión dos xeriátricos e da atención a persoas dependentes: "Para que polo menos todo o drama que estamos a vivir teña a utilidade que as continuas denuncias non tiveron".

Así mesmo, a apertura dunha investigación para esclarecer o ocorrido neste centro durante "anos" permitiría, segundo a CIG, "determinar a responsabilidade tanto das administracións que no seu día foron informadas das irregularidades existentes como da propia dirección da residencia, que mantén unhas condicións de explotación laboral e de atención deficiente".

A isto súmase que, de acordo cos últimos datos ofrecidos pola Consellería de Política Social, o xeriátrico de Salvaterra contabiliza un total de 91 casos de COVID-19 --64 usuarios e 27 traballadores-- e varios falecidos. Esta situación levou a que o centro fose intervido pola Xunta o pasado 29 de outubro.

Precisamente, este mesmo luns a secretaria comarcal de CC.OO. en Vigo, Amelia Pérez, lamentaba nunha rolda de prensa conxunta con UGT que "nunca" houbo unha "fiscalización seria" deste centro de instalacións "terceiromundistas" que ten decenas de prazas subvencionadas pola Administración galega.

Tras estas declaracións, a CIG lembra a CC.OO. que no seu momento --en 2017-- "negou" as deficiencias da residencia e que mesmo "logrou representación sindical no centro coa colaboración da propia dirección".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

¿Onde está a Xustiza Fiscalía?