Temas: FRASEOLOXíA

“E o que (aínda) lle colga” ou “e (aínda) o que queda”, coincidentes coa castelá “y lo que te rondaré (, morena)”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 15/11/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naquelas situacións comunicativas en que queremos expresar que aquilo que acabamos de dicir –sobre todo se se trata de algo que nos resulta molesto ou que consideramos negativo– vai ter unha longa duración, no sentido de que vai seguir durante aínda bastante tempo no futuro e/ou de que se vai producir bastantes máis veces, de maneira moi frecuente botamos man, xa ó dereito desde o castelán, da fórmula y lo que te rondaré, morena (ou, simplemente, y lo que te rondaré), a cal é posible que beba orixinalmente –inda que isto non é máis ca unha hipótese tirada a partir da documentación manexada– de composicións a xeito de copla nas que aparecen os versos “(...) cuántas veces te he rondado, y las que te rondaré (...)”.

Micro colgado
Micro colgado

Para o galego se cadra non temos de noso un único xeito de dicir que cubra todos os espazos de uso (véxase a nota 1) da dita locución castelá, pero a nivel xeral, e máis ou menos acaídas en función de cada contexto concreto, si que podemos optar por empregar expresións como e (aínda) o que lle colga ou e (aínda) o que (lle) queda para dar conta deles. Vexámolo un pouquiño máis polo miúdo:

Y lo que te rondaré (, morena)

{= Expresións con que se salienta que aquilo do que se acaba de falar –e sobre todo se se conceptúa como algo negativo ou molesto– inda vai para tempo, inda vai ter unha longa duración .}

E o que (aínda) lle colga && E o que (aínda) lle ha colgar

E (aínda) o que (lle) queda

[E MAIS TAMÉN, COMO VARIANTE DESTA ÚLTIMA NA QUE SE INTRODUCE UN COMPLEMENTO INDIRECTO EN FUNCIÓN DO CONTEXTO COMUNICATIVO EN CUESTIÓN]:

E (aínda) o que [me, che, lle, nos, vos, lles] queda

Ex.: —Esto de la pandemia es como una pesadilla, y ya llevamos así más de medio año. —¡Y lo que rondaré, morena!

—Isto da pandemia éche coma un pesadelo, e xa levamos así máis de medio ano. —¡E o que lle colga! ¡E o que aínda lle colga! ¡E o que (aínda) lle ha colgar! ¡E (aínda) o que queda! ¡E (aínda) o que nos queda!

Ex.: Somos una sociedad envejecida, y lo que te rondaré, morena: no hay más que ver la tasa de mortalidad y nacimientos para darse cuenta de ello.

Somos unha sociedade avellentada, e o que (aínda) lle colga e aínda o que lle colga e o que (aínda) lle ha colgar e (aínda) o que queda e (aínda) o que nos queda: non hai máis ca ver a taxa de mortalidade e nacementos para se dar de conta.

Ex.: —Desde que ganó el campeonato de bolos está todos los santos días restregándonoslo. —¡Y lo que rondaré, morena!

—Des que ganou o campionato dos birlos está todo o santo o día pasándonolo pola cara. —¡E o que lle colga! ¡E aínda o que lle colga! ¡E o que (aínda) lle ha colgar! ¡E (aínda) o que (lle) queda! ¡E (aínda) o que nos queda!

● Tamén, naqueles contextos (escasos) en que o punto de orixe é pasado:

E o que lle colgou && E o que lle seguiu colgando

Ex.: Fue la primera traición de las muchas que tuvieron lugar entre ambos bandos durante la conquista de la Penínula Ibérica, la reconquista... y lo que te rondaré, morena.

Foi a primeira traizón das moitas que tiveron lugar entre ambos os bandos durante a conquista da Península Ibérica, a reconquista... e o que lle colgou e o que lle seguiu colgando.

● Tamén:

E (aínda) o que falta && E (aínda) o que [me, che, lle, nos, vos, lles] falta && E (aínda) o que resta

NOTAS:

1. Convén lembrar que as linguas non só se diferencian entre si por presentaren desemellanzas no ámbito que poderiamos denominar como máis formal ou material, no sentido de perceptible polos sentidos (isto é, o plano léxico, morfolóxico, sintáctico e fonético-fonolóxico), senón tamén nun eido máis abstracto ou inmaterial constituído pola determinación e partición a nivel lingüístico da realidade extralingüística, de xeito tal que non son poucas as ocasións en que observamos que non se dá unha relación biunívoca entre unha voz ou expresión dun idioma e unha voz ou expresión doutro, na medida en que os límites dos espazos de realidade que abranguen cada unha delas non cadran entre si.

Isto provoca que moitas veces nos atopemos ante palabras ou expresións dunha lingua A que non teñen unha correspondencia exacta nunha lingua B (e viceversa). Un caso moi claro e doado de entender é o que se establece, por exemplo, coa dualidade dos verbos ser e estar en galego ou castelán fronte ó que ocorre no inglés, lingua na cal o verbo to be vén basicamente a abranguer ambos.

Ou, botando man dunha voz galega en relación co castelán, sería o que acontece con xeito, á cal non lle poderemos atopar en castelán un equivalente único e exacto, isto é, unha única voz que dea conta dela en todos os seus contextos de uso: así, optariamos por forma, modo ou manera para traducila nunha secuencia como non me gusta o seu xeito de actuar; mais xa habería que buscar outros recursos para traducila nun enunciado como ¡o deste rapaz non ten xeito: sempre buscando liortas!; e inda habería recorrer a outros en contextos como non me fixo xeito dicirlle que non viñera á festa, así que tamén o convidei.

E este mesmo fenómeno da non biunivocuidade tamén se manifesta no feito de que hai ocasións en que unha frase feita dunha lingua non ten correspondencia a xeito de frase feita noutra lingua: é o que acontece, por exemplo, cando en idéntico contexto de uso a secuencia fraseolóxica y lo que te rondaré (, morena) do castelán se “traslada” a galego mediante a secuencia lingüística e (aínda) o que (lle) queda, que en principio non presenta ningunha característica que nos poida permitir catalogala como fraseolóxica.

2. Lembramos que coa inclusión entre parénteses dunha (ás veces máis dunha) palabra nunha secuencia expresiva o que queremos indicar é que esa palabra ou palabras poden formar parte ou non, de xeito potestativo, da dita secuencia. Xa que logo, ó reflectirmos e (aínda) o que (lle) queda o que estamos pretendendo apuntar é que nos atopamos ante unha secuencia con catro posibles manifestacións reais:

a) e o que queda;

b) e aínda o que queda;

c) e o que lle queda;

d) e aínda o que lle queda.

3. A expresión e o que lle colga é tamén empregada (posiblemente en maior medida coa variante e mais o que lle colga) para manifestar que algo é maior, ou vai máis alá, do que se acaba de dicir, dando a entender algo así como “e mais o resto” (en definitiva, algo bastante semellante ó que estamos a reproducir no presente artigo). Ex.:

Ex.: —O coche, ¿que che valeu? ¿Vinte mil euros? —¡Si, ho, e mais o que lle colga!

4. Malia que a potestativa inclusión do adverbio aínda (e tamén, é visto, da variante inda) a situamos, no interior das diversas secuencias expresivas, na posición que percibimos como máis habitual ou corrente, cómpre ter en conta que esa posición pode presentar variacións. Ex.:

Ex.: —Isto da pandemia é coma un pesadelo, e xa levamos así máis de medio ano. —¡E aínda o que lle colga! ¡E o que lle colga aínda! ¡E aínda o que lle ha colgar! ¡E o que lle ha colgar aínda!

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta