A Lei de reactivación da Xunta... É a nova estratexia de Feijóo para pagar favores empresariais?

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba o 2 de novembro a lei de reactivación para Galicia. Un proxecto que busca a axilización de trámites administrativos para a creación de empresas. Eliminar barreiras para a creación empresarial convertendo á administración galega no ente máis áxil en “40 anos”.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O encontro #ConectaCEP celebrado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra foi a plataforma que usou Feijóo para anunciar novas medidas para incentivar o tecido empresarial galego para despois do estado de alarma. Entre as medidas estaba a aprobación para este mes de novembro da Lei de Reactivación que, entre outras cousas, permitirá axilizar trámites para as empresas dentro da administración autonómica. Sectores políticos, medioambientais e sociais temen que esta lei busque impedir o acceso á cidadanía a expedientes que supoñan a alteración de hábitats, reapertura de explotacións mineiras, proliferación de vertedoiros e outras iniciativas que puidesen modificar ecosistemas ou cambios dentro de tecidos produtivos.

Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato.
Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato. | Fonte: Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON

AXILIZACIÓN BUROCRÁTICA

Núñez Feijóo facía o seu anuncio diante dun público idóneo, empresarios da provincia de Pontevedra. O presidente da Xunta describía a necesidade de que as empresas non tivesen atrasos administrativos para a súa posta en marcha ou solicitar cambios. Entre outros puntos, a Xunta quere transformarse na administración máis áxil "dos últimos 40 anos", segundo o propio Feijóo. Iso significa a eliminación de solapamentos innecesarios, duplicidades legais e admnistrativas e captación de proxectos.

Entre colectivos ambientalistas e asociacións veciñais contrarias a proxectos mineiros e de creación de vertedoiros, existe o temor a que esta nova lei permita a eliminación do dereito ao acceso á documentación pública sobre iniciativas como as sInaladas. “De momento só temos un anuncio, mais está claro que cando falan de simplificación, isto ponnos en alerta” di Martín Seco do PSdeG.

O parlamentario do BNG, Ramón Fernández, estima que desde o PP se “cre que con axilización burocrática vai mellorar a situación económica e iso é falso”. O parlamentario nacionalista considera o anuncio de Feijóo “redundante cando xa houbo dúas leis anteriores moi semellantes que fracasaron e ademais asume que non hai recursos abondo desde a administración autonómica”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no encontro en que anunciou a nova lei. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no encontro en que anunciou a nova lei. XUNTA

“É un globo sonda dos que lanza o PP que despois se pode concretar doutra maneira” di Fins Eirexas de ADEGA. “A redución de trámites e evitar a participación pública é algo que levan facendo desde hai moito tempo”. Mela Abella, secretaria xeral de Verdegaia, apunta ao contexto actual da pandemia para que Feijóo priorice “os beneficios das grandes corporacións en vez de centrarse en problemas como a sanidade ou a educación”.

ACCESO Á INFORMACIÓN

Os colectivos ambientalistas e ecoloxistas ven a lei de reactivación como unha nova “lei de depredación”, tal como se coñece a Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais en Galicia. Xa se denunciara que con esta norma, os dereitos de acceso público a informes quedaban restrinxidos e convertía os pasos administrativos en “trámites express”.

Se reclamamos información a un organismo da Xunta, pasa o tempo e temos que reclamar a un organismo superior e cando non, a Europa” di Abella. “A simplificación de trámites acaba por prexudicar a propietarios e propietarias de terreos” di Martín Seco. O prexuízo para propietarios son os contratos ou acordos coas empresas interesadas nos terreos, “que poden ser malos acordos” ante o baixo prezo pagado pola empresa fronte aos rendementos que ten pola súa explotación.

“Pedimos ver o plan de labores, non nos deixaron nin lle deixan ao Concello” di Norma Pillado, da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. O plan de labores contempla as accións que neste caso a empresa Toysal levaría adiante para unha “restauración” da canteita de Casalonga, no Concello de Teo. A empresa e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas non responden á petición de acceso, polo que moitas e moitos veciños da zona cren que “non hai tal plan de labores”.

Ecoloxistas en Acción  sinala un dato sobre as empresas mineiras. O xeito de operar é mediante “sociedades pantalla”, normalmente S.L., habendo detrás delas unha grande empresa. En caso de desastre a S.L. faríase cargo, mais como ao mellor queda insolvente non pode facer fronte e a administración é quen recolle as consecuencias.

As sociedades pantalla “xa se viron na crise financeira do 2008 cando moitos e moitas traballadores tiveron que cobrar de FOGASA porque non había diñeiro nas empresas” di Ramón Fernández. A creación das sociedades pantalla salvaría ás grandes empresas que hai detrás. “Desde a UE piden investimento verde, para iso é necesario investimento I + D, e Galicia está por debaixo da media do Estado”.

O  gran temor de moitas organizacións e de particulares é que, se se materializa a lei que anunciou Feijóo o día 2 de novembro, as empresas terán “barra libre” para levar adiante proxectos que, para ambientalistas, políticos da oposición e ambientalistas, serían esquilmadores. Por outra parte, temen a falta de transparencia por parte da administración, co impedimento de acceder á información pública mediante manobras legais e administrativas. Por último, converter espazos agora abandonados, como canteiras, para seren transformados en vertedoiros ou reactivar explotacións mineiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 y2fm

Cada día teño máis claro que o que precisa Galicia é un partido ecoloxista/animalista. É o territorio indicado para iso.

1 Gamela

Semella que estamos nas mesmas de sempre... Mentres Feijoo pretende dar de comer aos seus empresarios, o Goberno Sánchez reserva o 50% dos fondos europeos para repartilos directamente dende Moncloa (?) O malo deste conto é que dende Bruxelas xa os lobbys traerán asinados os proxectos gañadores (?) Así que seguimos o xogo dos espellos, falando de cousas que ao final esvaécense no aire coma fume (?) Os cartos desaparecerán coma sempre nos paraísos fiscais e nós quedaremos -se quedamos- para pagar as Débedas ! Acaso alguén ten coñecemento a día de hoxe da Auditoria que permitiu REGALAR Nova Galicia Banco por 1.000 millóns a Banesco (?) A que ninguén foi capaz de poñer cara aos mangantes (?)