Sanidade di que os atrasos en realizar PCR nunha das residencias con máis contaxios foi por "abastecemento"

Trátase da Residencia Os Gozos, en Pereiro de Aguiar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 21:16

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu a actuación da Xunta na residencia de Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, á vez que vinculou o atraso dos resultados das PCR que no seu día se constatou neste centro cun problema de desabastecemento de material.

En resposta ao parlamentario do BNG Iago Tabarés, o conselleiro defendeu que "nunca se ocultou" o motivo deste "atraso" e que el mesmo indicou publicamente que había "un problema de rotura de stock das puntas de pipeta dos analizadores". "Problemas de abastecemento nos laboratorios de España e do mundo", apostilou.

En todo caso, atribuíu "certa lóxica perversa" á pregunta do parlamentario nacionalista e incidiu en que en Galicia se coñecen os casos por que se "fan cribados". Ao seu xuízo, "detectar casos é mala noticia pero peor é non facelo". Así, reivindicou os "cribados" feitos tanto no persoal como nos usuarios das residencias.

E reivindicou a actuación "contundente" da Xunta nos centros xeriátricos que se produciron contagios de forma masiva. "O importante cando se dean casos como o de Os Gozos é achegar solucións e a Xunta actuou de forma contundente. Interveu a residencia para garantir o cumprimento do protocolo. E seguirémolo facendo", subliñou.

Así mesmo, remarcou que as probas de cribado que se fan ao persoal destes centros son PCR, "nunca outro tipo de probas". Baixo o seu punto de vista, "se facer cribados provoca máis preguntas da oposición, benvidas sexan".

Unha ambulancia acode á residencia de anciáns
Unha ambulancia acode á residencia de anciáns | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta