Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2020 | Actualizada ás 22:45
Se algo quedou claro na crise da covid é a importancia da información clara e transparente. Dende os primeiros compases da pandemia, pende sobre as institucións -galegas e españolas- a negra sombra da opacidade, que no caso da Xunta de Galicia foi denunciada directamente polo Colexio de Xornalistas, a Deputación de Pontevedra, sindicatos e asociacións varias.
Nesta sucesión de tirapuxas entre a Xunta e estes actores, o goberno de Núñez Feijóo deu hai xa sete días un golpe sobre a mesa. Ante o incremento sostido dos casos activos -e a ameaza do confinamento axexando- o executivo de Feijóo ordenou ós sanitarios galegos que deixaran de practicar probas PCR ós contactos estreitos de positivos.
Aínda que algúns sanitarios negáronse a acatar a orde da Xunta, esta parece estar a ter un efecto palpable nas cifras da pandemia. Dende o 6 de novembro -primeiro día coa nova orde en efecto- Galicia perdeu 640 casos activos, a razón de 100 por día; nun descenso que arrinca o día 8, como poden comprobar na gráfica seguinte.
Con todo, o presidente galego defendía este xoves, a preguntas do GC que a Xunta é un dos gobernos autonómicos que máis probas fai e que só baixan as fins de semana, "pero logo volven reequilibrarse ao longo da semana". Ademais, denunciaba que o Goberno central non contabilice as 60.000 PCR realizadas a través dos sistema "Pool testing".
Entón, está Galicia 'dobregando a curva'? Aínda que os datos de contaxios sexan compatibles con esta conclusión -este xoves hai 315 casos menos ca o mércores- debemos ter en conta outro indicador que apunta a todo o contrario: os ingresos hospitalarios. Estes subiron de forma ininterrumpida dende o pasado domingo ata hoxe, cando recollen un lixeiro descenso compatible cos 15 falecementos das últimas 24 horas.
Malia que, como queda reflectido no gráfico seguinte, o ritmo de ingreso é notablemente menor que o da primeira ola, o incremento das hospitalizacións, sen presentar máis descensos que algunhas xornadas estatistacamente atípicas, separadas da tendencia dominante.
Nesta mesma gráfica pódese apreciar un incremento das camas ocupadas en UCI, variable que resulta especialmente preocupante para os sanitarios galegos. Novamente, aínda que o ritmo de contaxio non acada as cotas frenéticas do mes de marzo, nada fai pensar que, a nivel estatístico, os ingresos teñan traza algunha de verse freados.
En calquera caso, e malia o evidente descenso das probas PCR, Galicia segue rexistrando unhas cifras de contaxios que distan moito dunha situación tranquila. As circunstancias epidemiolóxicas tórnanse especialmente negras no caso da área viguesa, que lidera o número de contaxios dende o comezo do mes de novembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.