Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/10/2025 | Actualizada ás 08:55
O 16º Salón do Automóbil foi presentado este luns 13 de outubro en Expourense nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid; o deputado de Representación Institucional da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernández Fernández; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Javier Soto Varela, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González. Por parte de ACAUTO interviu o seu presidente, César Fernández Mosquera, que participou acompañado pola vicepresidenta Eva André Cendón, e por boa parte da xunta directiva desta asociación empresarial.
César Fernández anunciou que esta edición servirá para renderlle homenaxe a Ramón Seijas Pérez, presidente de ACAUTO ata o seu falecemento hai uns meses. En palabras súas: “Foi o principal impulsor deste evento, figura clave en ACAUTO e un referente indiscutible do sector da automoción en Ourense. Foi un gran defensor do papel dos concesionarios como motor económico e social de Ourense”.
Referíndonos xa ao que supón este gran escaparate onde atopar un coche axeitado ás necesidades de cadaquén, dende ACAUTO insisten "na necesidade de rexuvenecer o parque móbil da provincia de Ourense, o máis antiguo e España, que na actualidade ten unha idade media de 17 anos, cando a media nacional está en 14,5 anos".
Na fin de semana do 17 ao 19 de outubro celebrarase o Salón do Vehículo Novo e do 24 ao 26 de outubro o Salón do Vehículo de Ocasión.
EMPRESAS, MARCAS E SORTEOS
En total, participarán 15 empresas representando a 27 marcas que presentarán en total unha trintena de modelos novos en todas as motorizacións existentes na actualidade.
As marcas representadas son: AUDI, BMW, BYD, CITROËN, CUPRA, DACIA, EBRO, FIAT, FORD, HYUNDAI, JEEP, KIA, LEAP MOTOR, MAZDA, MERCEDES BENZ, MG, NISSAN, OMODA-JAECOO, OPEL, PEUGEOT, PORSCHE, RENAULT, SEAT, SKODA, TOYOTA, VOLKSWAGEN e VOLVO. Entre o Salón de vehículo novo, e o de ocasión, estarán expostos máis de 650 vehículos o que converte a Expourense no maior concesionario do Norte de España durante estas dúas semanas.
Tanto dende ACAUTO como dende Expourense lémbrase que esta cita é unha gran oportunidade para atopar o coche que se busca dada a calidade, cantidade, variedade e prezos especiais que se poden atopar nesta feira. Ademais, e como incentivo para mercar, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.
ACHEGA SOLIDARIA
Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade de 15 euros por cada vehículo vendido que será achegada por ACAUTO. "Dende que se realiza esta acción que comezou no 2016, xa se teñen achegados máis de 40.000 euros", lembran fontes de Expourense.
LUDOTECA, HORARIO E PREZO DA ENTRADA
Para que o acompañamento familiar da cativada non sexa un inconvinte, a organización ofrecerá servizo de ludoteca gratuíto durante toda a fin de semana (venres de 17.00 a 20.30 h.; sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. e domingos de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h.).
O horario será os venres 17 e 25 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 18 e 25 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 19 a 26 de outubro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.