Levan á ONU a "destrución" do patrimonio arqueolóxico de San Pedro de Rocas

Asociacións esixen deter a ampliación dunha estrada que podería levar por diante "restos arqueolóxicos" e patrimonio natural. A Deputación destaca que o conxunto non se verá afectado "nin un centímetro cadrado".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2020 | Actualizada ás 22:12

Comparte esta noticia

Novo capítulo no tirapuxa pola ampliación dunha estrada ós pés dunha das maiores xoias da Ribeira Sacra: o mosteiro de San Pedro de Rochas. Unha multitude de entidades ecoloxistas e de defensa do patrimonio cultural veñen de denunciar o proxecto ante a Xunta, a Deputación de Ourense e mesmo a UNESCO. Segundo sosteñen, a intervención "afecta ao conxunto histórico, cultural e natural" do enclave.

Mosteiro de San Pedro de Rochas, no concello ourensán de Esgos
Mosteiro de San Pedro de Rochas, no concello ourensán de Esgos | Fonte: Verdegaia

A ampliación da OU-0509, promovida e orzamentada pola Deputación Provincial de Ourense e autorizada por Patriomonio, ten como obxectivo acondicionar a estrada para facilitar o tránsito a grandes autobuses. A idea é que estes poidan acceder directamente ao conxunto monumental, unha circunstancia que a día de hoxe resulta complexa polo tortuoso da vía. 

A problemática da obra, porén, é que esta -din os ecoloxistas- implicaría cortar "polo pé" un total de 83 árbores de distintas especies forestais, así como a "destrución de elementos patrimoniais, arqueolóxicos, naturais e etnográficos-culturais" dun espazo declarado BIC xa en 1923. Segundo os ecoloxistas, "trátase dun entorno perfectamente integrado, conservado e con suficientes accesos para todo tipo de vehículos". 

VALOR HISRÓTICO

San Pedro de Rocas configúrase como o mosteiro máis antigo deste territorio da provincia de Ourense e Lugo, "o único cenobio que evidencia pegadas e elementos materiais que demostran a máis antiga vida eremítica do noroeste peninsular e que, ademais, evidencia culto pagán prehistórico, precedendo en varios séculos ao culto cristián", describen os ecoloxistas. "Pegadas, restos arqueolóxicos e materiais que se conservaron ao longo do tempo, elementos históricos que hoxe corren o risco de sufrir danos irreversibles por unha actuación institucional inxustificada".

Aínda que a Deputación nega que se vaia a producir dano "nun centímetro cadrado" da zona, dende a plataforma ecoloxista Verdegaia instan ao órgano provincial a deter as obras por ·non respectaren a lexislación vixente" nin "teren en consideración os restos arqueolóxicos da zona". "O turismo que hoxe ten a Ribeira Sacra, resulta sustentable porque a zona se mantivo no tempo e conservou así particularidades que non se dan noutros territorios", alertan as asociacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta