O PPdeG presenta unha proposta urxente que pide garantir que galego e castelán sexan vehiculares no ensino

Tellado censura o "acordo" de Pedro Sánchez para "manterse en Moncloa" con Bildu

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/11/2020 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Popular presentou na Cámara autonómica unha proposición non de lei urxente ante a "preocupación" que lle suscita as modificacións con respecto ao idioma na reforma educativa que denomina "Lei Celáa". Deste xeito, o PPdeG quere un posicionamento que deixe claro o "rexeitamento da Cámara ante calquera modificación que posibilite que galego ou castelán deixen de ser vehiculares no ensino, pondo así en perigo o equilibrio entre as dúas linguas cooficiais".

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG
Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG | Fonte: PPdeG.

Os populares, que rexistraron o pasado luns 9 de novembro esta iniciativa urxente, queren que o hemiciclo galego "reafirme o seu compromiso co marco lingüístico recollido na Constitución, Estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística de Galicia", normas que, engade o texto resolutivo, "aseguran o equilibrio entre o castelán e o galego e contribúen a asegurar a convivencia lingüística dos cidadáns que valoran coñecer ambas as linguas para poder comunicarse con falantes de todo o Estado, así como con millóns deles en países lusófonos e hispanos".

Este é o texto rexistrado polos populares e que nace, como explicou o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, por mor da emenda acordada no relatorio educativo e que di o seguinte: "As Administracións educativas garantirán o dereito dos alumnos e as alumnas a recibir ensinos en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e a normativa aplicable".

A Constitución Española recolle que o castelán é a lingua española oficial do Estado, que todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala, mentres que as "demais linguas españolas" serán tamén "oficiais" nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos. Así mesmo, o texto do 1978 inclúe que a "riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección".

Os populares galegos interpretan que esta emenda, na que non se recolle explicitamente a palabra vehicular, pode facilitar a "inmersión lingüística" por parte dos "nacionalistas", á vez que significa para o PP que se saltaron " os marcos normativos de rango superior" e habilítase "que a lingua castelá deixe de ser vehicular, co que se altera o equilibrio lingüístico entre as linguas cooficiais do Estado e renúnciase a que os cidadáns aprendan na lingua que lles vincula con falantes de distintos territorios, tanto no ámbito nacional como internacional".

Con esta iniciativa, os populares queren coñecer a opinión do PSdeG, posto que a do BNG, que é o "nexo" de unión entre o PSOE e Bildu "xa se imaxinan cal será", dixo Tellado.

Tellado insistiu en que se esta emenda "non cambia nada, por que" se fixo e preguntouse se foi "o prezo" que lle puxeron para "aprobar esta lei" e se se "pretende legalizar a inmersión lingüística". "Estamos preocupados e esiximos respostas", remarcou o dirixente popular, quen indicou que esta iniciativa será extensible a mocións en concellos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta