Por Galicia Confidencial | Santiago | 23/05/2013 | Actualizada ás 03:21
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto convoca unha marcha contra a modificación da Lei que regula a interrupción do embarazo. A "manifestación polo dereito a decidir sobre os nosos corpos" será o próximo 16 de xuño a partir das 12 do mediodía en Santiago de Compostela.
A práctica totalidade de colectivos feministas do país apoian esta mobilización. Fano tamén a maioría de organizacións partidarias de esquerdas, incluídas as presentes no Parlamento de Galicia: PSdeG; os socios en AGE Anova, Esquerda Unida e Espazo Ecosocialista e o Bloque.
A lista completa de colectivos integrantes da plataforma é esta: Adiante, AGIR, Andaina, ANOVA, Asamblea de Mulleres de Galiza Nova, Asociación CDR Virxe do Carme de Camariñas, Asociación de Mulleres Dorna, Asociación Enriqueta Otero, Asociación “Finisterrae” de profesionais de desenvolvemento local (AFIPRODEL), Asociación Galega de Saúde Sexual (AGASEX), Asociación Líder, Asociación profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (APAIOGA), Asociación Púrpura, Asociación Teenses pola Igualdade, BNG, Briga, CCOO de Galicia, Comités, Conas Ceives, CIG, CUT, Espazo Ecosocialista, Esquerda Unida, STEG, Federación de asociacións de Mulleres rurais de Galicia (FADEMUR), Foro Feminista Falando Nós, FPG, Grupo GTB 7 cores, ISCA!, Liga Estudantil Galega, Marcha Mundial das Mulleres, Médicas do mundo, Mocidade Nacionalista Galega, Mulleres en Acción do Barbanza, Mulleres Luguesas contra a violencia de xénero, Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG), Mulleres progresistas Alba, Mulleres progresistas de Poio, Nós-UP, Plataforma Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Plataforma SOS Sanidade Pública, PSdeG-PSOE, Rede de Mulleres contra os malos tratos de Vigo, Rede Feminista Galega, Rede provincial Pontevedra pola Igualdade, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Sexoloxía, UGT Galicia, Unións Agrarias-UPA Galicia, Viudas Demócratas de Vigo, Xuventude Comunista de Galiza, Xuventudes Socialistas de Galicia. O grupo di ter tamén o "apoio" da Deputación de Lugo e do Consello da Muller do Concello de Vigo.
A Plataforma argumenta que a reforma que impulsa o ministro Ruíz Gallardón supón un "aborto diferente para ricas e pobres" pois é "volver a un tempo onde, as que podían, viaxaban ao estranxeiro para abortar ou o facían clandestinamente". Ademais, denuncian "unha volta á minoría de idade das mulleres" que coa Lei que impulsa o PP necesitarán o permiso dun profesional ou do titor (no caso das menores de idade), para poder interromper a xestación.
As mulleres sinalan que a chamada "lei de prazos", actualmente vixente, é o modelo adoptado pola maioría dos países da nosa contorna. A Lei permite á muller embarazada, dentro dun prazo determinado (14 semanas neste Estado), realizar unha interrupción do embarazo, dentro do sistema público de saúde de maneira gratuíta, sen quedar supeditada na súa actuación á opinión ou ditame doutras persoas.
Actos esta fin de semana
A "manifestación nacional" na capital do país será a culminación dun prolongado calendario de mobilizacións . Por exemplo, este sábado as 18:30 un grupo de mulleres denunciará que "o concelho promociona unha asociación próxima ao Opus Dei como é a Red Madre". Ao día seguinte en Vigo hai unha "Acción - protesta e reparto de información no entorno do edificio da Xunta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.