A Xunta pide unha reunión co ministro Puente sobre a AP-9: "o rescate é a mellor solución"

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, sinalou que ademais do cálculo do custo da indemnización, o Estado "debe realizar tamén unha análise custo-beneficio equivalente"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2025 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, solicitou de novo por carta unha reunión co ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, para abordar a xestión da AP-9 ante o último ditame da Comisión Europea relacionado coas prórrogas do contrato concesional da autoestrada.

Tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, é a "quinta reunión que solicita no último ano", ante a "falta de información" do Goberno central sobre a resposta que vai dar ante o citado ditame.

Ademais, tamén ten como obxectivo expor o novo estudo da Xunta, que conclúe que o rescate é "a solución máis vantaxosa para o interese público", e cuantifica esta medida en 2.356 millóns de euros. O custo da indemnización calculado neste 2025 é maior que en 2024 (2.331 millóns), a pesar de que transcorreu un ano máis da concesión.

Isto débese a que o resultado da concesión, o beneficio da concesionaria, é "cada vez maior", co que o custo aumenta, e a concesionaria ademais apúntase "un ano máis de beneficios". Por esta razón, a Administración autonómica conclúe que o rescate "é mellor afrontalo canto antes".

Tamén, a conselleira lembrou que esta opción "xa foi suxerida" polo Consello de Obras Públicas e o Consello de Estado nos seus informes sobre o proxecto de RD 680/2021 no que se introduciron as bonificacións para os usuarios, logo ampliadas no 2024.

Allegue sinalou que ademais do cálculo do custo da indemnización, o Estado "debe realizar tamén unha análise custo-beneficio equivalente" ao que elaborou para a circunvalación da AP-7 en Alacante e que concluíu sinalando os beneficios socioeconómicos e ambientais que motivaron posteriormente á liberación definitiva da peaxe.

Imaxe de Allegue esta mañá en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Imaxe de Allegue esta mañá en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta