O Concello de Pontevedra culpa a Ence do "preocupante" caudal do Lérez: "Capta catro veces máis auga que toda a comarca"

Mostra a súa "satisfacción" pola situación de prealerta de seca decretada pola Xunta.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 07/08/2025 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A alcaldesa accidental de Pontevedra, Eva Vilaverde, sinalou á empresa Ence como responsable da "preocupante" situación que sofre o caudal do río Lérez. En rolda de prensa, a edil chamou a atención sobre a "preocupante" situación do Lérez que levaba varios días por baixo do seu caudal ecolóxico de forma estable, sen picos. Así, a media do mércores foi de 1,503 metros cúbicos de auga por segundo, manténdose por baixo do caudal ecolóxico. Chegouse a un mínimo de 1,390 m3/s onte pola mañá e ata as 15.30 horas, o que causou gran preocupación.

Con todo, nas últimas horas detectouse un incremento no caudal do Lérez. A alcaldesa accidental vincula esta subida do nivel do río coa comparecencia do mércores do concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, na que solicitou á Xunta que ordenase á empresa Ence parar a súa captación de auga do Lérez. Despois deste anuncio, Eva Vilaverde afirma que, "sorprendentemente, por obra e graza do Espírito Santo, resulta que pola tarde, a media tarde, empezou a subir o caudal do Lérez" ata situarse en 1,713 metros cúbicos de auga por segundo.

Para Eva Vilaverde, esta recuperación súbita do caudal suxire unha posible relación directa co aviso público realizado polo Concello o mércores. Ao seu xuízo, deixa claro que o caudal ecolóxico do Lérez "depende da captación de Ence" e está "absolutamente determinado" pola empresa. Vilaverde censura que o abastecemento de auga da cidadanía de Pontevedra e a súa contorna non pode estar determinado por unha empresa privada. Tamén critica que non é posible contar con datos oficiais do caudal antes do punto onde a fábrica realiza a súa captación.

A alcaldesa accidental quéixase de que o Concello de Pontevedra non ten información oficial de cal é a captación da fábrica de celulosas. Indica que, polos datos da propia empresa, sábese que "consome máis do dobre do que consome todo sistema de captación de Pontevedra" que abastece non só á capital, senón tamén a Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu e ao polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas. Con base na concesión que ten Ence, o Concello de Pontevedra estima que "capta sobre catro veces máis" que este seis municipios xuntos. "Se falamos de catro veces máis, é unha animalada", agrega.

Igualmente, refírese a todas as perdas que ten a canalización que leva a auga ata a factoría de Lourizán. Unha captación que, segundo insiste, "determina absolutamente o caudal ecolóxico do Lérez a día de hoxe e, por tanto, a viabilidade do abastecemento do municipio da comarca". Fronte a isto, Eva Vilaverde asegura que o sistema municipal é "moi forte" con "perdas mínimas" na canalización e lembra que, aínda que existe a reserva do Pontillón do Castro, "hai que seguir tendo prudencia" e non gastar auga de maneira "innecesaria".

"SATISFACCIÓN" POR PREALERTA

Así mesmo, valorou positivamente a activación por parte da Xunta da situación de prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez. "Manifestamos a nosa satisfacción", di este xoves Eva Vilaverde. "Por fin se decreta esta prealerta, unha semana tarde, tamén é certo", engade. A rexedora accidental espera que con esta decisión do Comité da Seca "por fin se adopten medidas para controlar o caudal do Lérez e garantir o abastecemento da poboación de Pontevedra da súa contorna".

Río Lérez ao seu paso por Pontevedra
Río Lérez ao seu paso por Pontevedra | Fonte: CONCELLO DE PONTEVEDRA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta