Por Europa Press / Redacción | VIGO | 17/11/2020 | Actualizada ás 13:41
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este martes que se reforzarán os cribados nas residencias de maiores para detectar contaxios de COVID, e que se farán máis probas PCR, test de antíxenos, e nos casos que sexa posible, test de saliva.Con todo, destacou que a situación en Galicia "está mellor" que o resto das autonomías.
Así o trasladou, a preguntas dos medios acerca da situación dos centros xeriátricos, e durante unha visita ao barrio vigués de Navia. Segundo sinalou, Sanidade vai continuar facendo o cribado entre os traballadores das residencias "cada quince días" e tamén probas "aleatorias" entre os usuarios. A ese respecto, apuntou que ese test están a permitir detectar brotes nos centros xeriátricos, cunha "maioría de casos asintomáticos".
Tras constatar que os cribados "son fundamentais", ratificou que "se intensificarán" con máis probas PCR, máis test, "tamén de antíxenos", e "valoraranse o test de saliva cando a situación do maior o permita". "Imos seguir intensificando para que Galicia sexa unha das Comunidades Autonómas cuxo número de falecementos sexa menor no que se refire a residencias de terceira idade. O cal non significa que esteamos contentos nin satisfeitos coa situación das residencias", aseverou.
Respecto diso, Feijóo recoñeceu que "hai moito que mellorar" e que "o feito de estar mellor que os demais" non significa que Galicia estea na "situación óptima". "Non imos parar, nin imos dar unha vida por perdida, por suposto", prometeu.
VACINAS
Por outra banda, o titular do Executivo galego tamén se referiu a a fabricación e distribución de vacinas contra o virus, e lembrou que a planta galega de Zendal, no Porriño, é "un dos centros de fabricación de vacinas máis importantes da UE".
Esta planta está a producir a vacina, tras un contrato de 250 millóns de doses cun laboratorio americano, e hai unha reserva de produción de vacina doutras marcas de ata 500 millóns de doses. "Está a producirse xa, o que acredita que os laboratorios teñen confianza nela", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.