Os deputados galegos seguirán cobrando 4.600€ como mínimo ao mes a pesar da crise e dos ERTE

Os tres partidos na Cámara galega, PPdeG, BNG e PSdeG acordan conxelar o soldo dos deputados, pero non rebaixalo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/11/2020 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O anteproxecto de orzamentos da Cámara galega, que alcanza os 18,6 millóns de euros, conxela as retribucións dos deputados para o próximo ano 2021, pero non os reduce, de forma que se mantén o réxime retributivo que se actualizou en xullo de 2019 e que seguiu vixente o presente exercicio.

Mesa do Parlamento a 17 de novembro. O Parlamento conxela os soldos dos deputados para 2021 e sobe o dos funcionarios un 0,9 por cento. PARLAMENTO DE GALICIA
Mesa do Parlamento a 17 de novembro. O Parlamento conxela os soldos dos deputados para 2021 e sobe o dos funcionarios un 0,9 por cento. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Deste xeito, os parlamentarios galegos seguirán tendo unha asignación fixa (2.067,13 euros ao mes) e outra en concepto de dietas (2.587,39 euros ao mes)  para afrontar os gastos de aloxamento e manutención que orixine a súa actividade parlamentaria. A suma destes dous conceptos é igual para todos os parlamentarios polo que o soldo base é de 55.746,24 euros brutos ao ano.

COMPLEMENTOS

Á marxe destas percepcións salariais ou de dietas, os deputados teñen distintos complementos polo desempeño das súas funcións, as cales, en todo caso, son incompatibles entre si. É dicir, se un parlamentario é presidente dunha comisión e vicepresidente doutro, só cobrará un dos complementos polo desempeño da responsabilidade.

Neste caso, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, percibe un complemento de 1.558,51 euros ao mes por ser membro da Mesa --o cal tamén reciben os outros dous vicepresidentes, a secretaria e a vicesecretaria----; 1.878,02 por gastos de representación e 964,39 por gastos de libre disposición. No caso dos outros catro membros da mesa son complementos de 1.165,06 e 511,40 polos mencionados conceptos, respectivamente.

Desta forma, as percepcións do presidente do Parlamento ascenden a 9.055,44 --á marxe doutra calquera indemnización por locomoción--, que por 12 mensualidades totaliza 108.665,28 euros. No caso dos demais membros da mesa, suman 7.889,49 euros mensuais --94.673,88 en 12 meses--.

Os portavoces dos grupos perciben 580,65 euros por representación e 389,64 por gastos de libre disposición que se suman ao 'soldo base'; mentres que os viceportavoces teñen un complemento de 496,15 euros, a mesma contía que reciben os presidentes de comisións. Finalmente, os demais cargos dunha comisión reciben 298,87 euros de complemento.

ACHEGAS Aos GRUPOS

Doutra banda, o Parlamento autonómico paga ao mes 9.971,79 euros a cada grupo de forma fixa; 1.837,01 euros por cada deputado, ao mes; e 5.898,56 euros ao mes a cada grupo en concepto de subvención finalista --para contratos de persoal, por exemplo--.

Desde o 7 de agosto ata que termine 2020, o PPdeG cobrará, en total e cos seus 42 deputados, 447.119,06 euros; o BNG (19 deputados), 244.040,56 euros; e o PSdeG (14 deputados), 199.893,06 euros, tal e como figura na táboa da web de Transparencia, recollida por Europa Press, xa actualizada.

DOCUMENTO

O documento, que se aproba conxuntamente cos orzamentos da Xunta, recibiu luz verde na reunión deste martes pola Mesa do Parlamento. Tamén se mantén o réxime económico fixado a principios de XI Lexislatura para os grupos e deputados.

Concretamente, segundo informou o Parlamento de Galicia, o anteproxecto de orzamentos --remitido agora á Xunta-- alcanza un orzamento de 18.612.000 euros, o que supón un incremento do 0,97 por cento respecto dos de 2020, un total de 178.500 euros. As retribucións do persoal subirán un 0,9 por cento, o mesmo fixado polo Goberno central para os empregados públicos no proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Alienao

Sus ejemplares señorías.

1 Galegus

PSOE, PP e BNG a mesma m. é

1 Rubén

Case a mesma, a mesma mesmiña non me parece...!!