Galiza pola República convoca unha protesta na Coruña para esixir a fin da monarquía

A concentración terá lugar o día 21 de novembro coincidindo cos 45º aniversario da proclamación de Juan Carlos I como rei.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"É hora de acabar con esta vergoña". Dende a asociación Galiza pola República xunto con outras 25 organizacións lanzan a convocatoria dunha concentración na Coruña para reivindicar que "Galiza non ten rei" e para esixir que a monarquía española "devolva todo o roubado", coincidindo co 45º aniversario da proclamación de Juan Carlos I como rei. A manifestación terá lugar o sábado, 21 de novembro, ás 18,30 horas no Obelisco (Cantón Grande).

O rei Juan Carlos nunha cacería de elefantes en África
O rei Juan Carlos nunha cacería de elefantes en África | Fonte: Rann Safaris

Nos últimos dez díaz, lembran no comunicado, a Monarquía apareceu vinculada nos medios a outros cinco casos de corrupción, mentres o rei Juan Carlos "continúa fuxido nos Emiratos Árabe Unidos". Fronte a todo isto, Galiza pola República responde cun manifesto no que reivindica a República e rexeita a monarquía por ser "incompatible cun sistema democrático". "É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas". Por iso, defenden agora que o pobo teña o dereito a decidir: "O ditador Franco xa decidiu elixindo a Juan Carlos e agora, 50 anos despois, queremos decidir nós".

Ante unha monarquía "caduca e corrupta", Galiza pola República esixe que se "investiguen todos os ingresos de Juan Carlos Borbón e de toda a Familia Real en concepto de comisións e outras actividades económicas durante todo o seu reinado; os bens e patrimonio de todos os seus membros, así como as contas nos bancos". "Queremos que reembolsen ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiron con cargo ao Orzamento da Casa do Rei, así como o patrimonio adquirido irregularmente", continúan. Neste sentido, a organización denuncia tamén a actuación do Goberno que, en colaboración coa Casa Real, "facilitaba a fuxida" do Rei Juan Carlos a Emiratos Árabes Unidos.

"Avogamos -proseguen no manifesto - por un novo 14 de abril que liquide definitivamente o franquismo, incrustado nas institucións, e permita a libre expresión de todos os que consideren que se pode mudar as estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao servizo da cidadanía".

Por todo isto, fan un chamamento ás organizacións políticas, sindicais, fundacións e todo tipo de asociacións e entidades de Galicia para que se incorporen a esta plataforma cívica, difundan o seu manifesto, constitúan grupos territoriais e participen nas actividades programadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta