Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 23/11/2020 | Actualizada ás 19:33
O Colexio oficial de Médicos de Pontevedra asegurou que "non está de acordo" coas formas nas que se pediu a dimisión do director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, por parte do Consello Xeral de Colexios de Médicos (Cgcom).
O organismo provincial sinala que na orde do día da Asemblea de presidencias de Colexios Médicos de España celebrada o pasado día 13 de novembro non figuraba ningún punto referente á citada dimisión polo que o ente pontevedrés non puido tratar previamente este asunto.
Tras iso, sinala que, reunida a súa comisión permanente o pasado xoves, decidiron trasladar publicamente que o Colexio oficial de Médicos de Pontevedra "non entrou nunca a valorar a función, traballo ou declaracións" de Fernando Simón.
Ademais, o organismo pontevedrés subliña que "non entra nunca en valoracións políticas por respecto á pluralidade ideolóxica dos seus membros".
"Doutro xeito sería a lexítima defensa de calquera dos nosos compañeiros, á cal nos debemos, nas que, como xa demostramos en numerosas ocasións, chegamos ata as máis altas instancias das administracións e da xustiza para o seu mellor apoio", apunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.