A biblioteca de Pardo Bazán será BIC de urxencia para protexela contra a familia Franco

Calcúlase que o Pazo de Meirás contén case 3.000 volumes que pertenceron á escritora.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, o que supón, segundo informa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a "protección inmediata" dun total de 10.855 volumes pertencentes á colección da escritora.

En concreto, establécese ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado. Tamén aplicar de forma "inmediata e provisional" o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens mobles en particular.

O expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses, desde a data desta resolución, con publicación da mesma no Diario Oficial de Galicia (DOG) e o Boletín Oficial do Estado (BOE). Ademais, abrirase un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa publicación, co fin de que as persoas poidan alegar o que consideren conveniente, segundo recolle o DOG.

MÁIS DE 10.000 VOLUMES

En relación a esta declaración, o pasado 6 de novembro a Real Academia Galega (RAG) presentou a documentación para solicitar a declaración como Ben de Interese Cultural da biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

A declaración como BIC afectará a un total de 10.855 libros, dos cales 7.883 están custodiados na sede da RAG, mentres que 2.972 continúan no interior das Torres de Meirás. No entanto, inclúe a posibilidade de que a este número poidan sumarse outros volumes que, segundo a documentación da RAG, poderían estar actualmente en "localizacións descoñecidas".

Desta maneira, segundo precisa a Consellería de Cultura, "se nalgún momento aparecese un libro non identificado e se constatara a súa pertenza, estaría automaticamente protexido". Sobre este procedemento, a Consellería subliña que a biblioteca de Emilia Pardo Bazán "reúne as características do patrimonio bibliográfico e un carácter singular pola figura á que está ligada".

Así mesmo, precisa que "o seu carácter disperso na actualidade e as súas características referidas aconsellan, así mesmo, a aplicación do réxime de protección establecido para os bens de interéscultural".

Un avogado do Estado, acompañado dun garda civil, colabora na realización do inventario do Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press
Un avogado do Estado, acompañado dun garda civil, colabora na realización do inventario do Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press

SATISFACCIÓN NA RAG

A Real Academia Galega (RAG) manifestou a súa satisfacción pola publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución pola que se incoa o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán. Tamén confía en que isto permita reunir en breve todos os libros.

Sobre o inicio do procedemento, asegura que "con este paso quedan protexidos de inmediato" os títulos da biblioteca. Tamén traslada a súa confianza en que permita reunir pronto "o conxunto deste patrimonio bibliográfico no que foi fogar da escritora e polo a disposición da comunidade investigadora", sinala sobre a Casa-Museo Pardo Bazán.

"É unha excelente noticia que a Xunta recoñeza oficialmente no DOG a demanda da RAG", sinala a súa petición para que esta biblioteca sexa declarada BIC. "Protexemos desta maneira un patrimonio de todos os galegos e do que a RAG é depositaria", engade. No entanto, o seu presidente, Víctor F. Freixanes mostra a súa preocupación pola situación dos fondos bibliográficos que están en Meirás. "Igual que se reivindica o edificio, a RAG reivindica os seus libros, que forman parte da crónica intelectual de Emilia Pardo Bazán", engade.

CONCELLO DE SADA

Tamén o Concello de Sada celebra a incoación do expediente, "dado que lle outorga de inmediato a tutela e protección BIC" a unha biblioteca que é "representativa da vida e obra dunha escritora de referencia na cultura do noso país".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta