NAO publica 'Adeus e grazas', o DVD do seu derradeiro concerto

O traballo inclúe un segundo disco nomeado Apocalipse NAO, que recolle gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A lenda e referente ideolóxico do rock galego, NAO, celebra o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea. O grupo, da man da promotora PlayPlan Cultural, publicará o vindeiro 7 de decembro o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle integramente o derradeiro directo do grupo celebrado ese mesmo día do ano 2019 no recinto ferial de Amio, en Santiago de Compostela.

Jasper e Sabela Ramil nun momento do concerto de despedida
Jasper e Sabela Ramil nun momento do concerto de despedida | Fonte: remitida

Durante o concerto, unha cita ateigada de emoción e sorpresas, Jasper, Gus, Torroncho e Amós revisaron practicamente todo o seu repertorio apoiados por máis de 20 artistas. O concerto de despedida resultou un acontemento moi destacado dentro da mundo da música galega tanto polo baleiro que NAO deixou nos palcos desde entón como pola extensa implicación de músicos na cita.

No directo, concebido como “unha gran festa” e que se prolongou durante máis de 3 horas, colaboraron Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil, Tanxugueiras, SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo, Odolaren Mintzoa, Mini e Navia Rivas, Ramón Iglesias, Anxelo de Xermar, Patty Castro, Paul Zervero, Dakidarría, Pauliña, Xiana Lastra, Manuel Varela, Inés Duport, Roi Xesteira, Iago Pico, Vituco Neira e Carlos Gilino.

E DE AGASALLO, O DISCO APOCALIPSE NAO

 

Adeus e grazas inclúe tamén de agasallo o disco Apocalipse NAO, que recompila tres

pezas documentais homónimas (I, II e III) recollidas á banda ao longo dos seus case quince

anos de traxectoria. A última da triloxía, nomeada Apolicalipse NAO I, inclúe material audiovisual inédito gravado após a despedida do grupo e que se poderá ver por primeira vez neste deuvedé.

 

No traballo, tanto os membros da formación como as persoas achegadas e que compartiron as súas vivencias coa banda nestes anos falan do que supuxo o derradeiro concerto de NAO e do que significou a súa música para eles.

 

O dobre DVD publicado por NAO e PlayPlan poderase adquirir desde o luns 7 a través da

páxina web www.inquedanzas.com e, a partir do mércores 9 de decembro, nos puntos habituais de venda de Inquedanzas Sonoras. Todas aquelas persoas que reservaran previamente o deuvedé recibirán o derradeiro traballo de NAO na súa casa o mesmo luns 7.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta