Temas: FRASEOLOXíA

“Non dar voz nin vez” ou “non dar vez”, equivalentes á castelá “no dar vela en un entierro”

Tamén se aborda a paremia “os de fóra dan tabaco”, equivalente da castelá “bien juega quien mira”. O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 06/12/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Ben seguro que todos temos vivido esa situación na cal dúas ou máis persoas están a tratar algún tema ou cuestión e, de socate, outra persoa que non formaba parte dese círculo orixinal pasa a intervir ou a meterse na conversa sen ser convidado. E ben seguro tamén que cando alguén dos do círculo orixinal considera importuna ou improcedente esa intromisión, ou non gusta dela, temos escoitado que lle di ó “intruso” algo así como ¿e a ti quen che deu vela neste enterro?, a ti ninguén che deu vela neste enterro ou expresións semellantes.

Acto de enterro da corrupción. Acto organizado polo BNG durante o Entroido en Compostela
Acto de enterro da corrupción. Acto organizado polo BNG durante o Entroido en Compostela | Fonte: I.M.

Como queira que cando presenta o significado que en galego é fornecido polo vocábulo candea, a voz vela é considerada un barbarismo non admitido normativamente, parece que a locución fraseolóxica tampouco debe de ser moi propia do galego.

Vexamos, pois, algúns xeitos de dicir que se poden usar en galego nestes mesmos contextos.

No dar vela a alguien en un entierro # para un entierro

{= Non convidar a alguén a intervir –nin lle dar tampouco motivo, ocasión ou pretexto para facelo– no asunto de que se está a tratar. }

Non lle dar (nin) voz nin vez [nun asunto # nisto # aquí # ...]

Non lle dar vez [nun asunto # nisto # aquí # ...]

[E MAIS]:

Non lle dar voz [nun asunto # nisto # aquí # ...]

Ex.: Tú cállate, que nadie te ha dado vela en este entierro.

Ti, a calar, que (neste asunto # aquí # nisto…) ninguén che deu (nin) voz nin vez ninguén che deu vez ninguén che deu voz.

NOTA: Obsérvese que cando se emprega en sentido interrogativo, faise sen a partícula negativa (isto é, “no” en castelán, “non” en galego).

Ex.: ¿Pero a ese pavo quién le ha dado vela en este entierro?

¿Pero a ese guicho quen lle deu voz e vez (neste asunto # aquí # nisto…) quen lle deu vez (neste asunto # aquí # nisto…) quen lle deu vez (neste asunto # aquí # nisto…) quen lle deu voz (neste asunto # aquí # nisto…)?

● Tamén, en contextos:

Non o/a mandar ninguén a tocar a gaita aquí [neste asunto # nisto...] && [E INCLUSO]: Dar pé

Ex.: Ti, a calar, que ninguén che mandou a tocar a gaita aquí[neste asunto # nisto] que ninguén che deu pé nisto.

Ex.: ¿Pero a ese guicho quen o mandou tocar a gaita aquí quen lle deu pé aquí?

● E mesmo tamén, en contextos de uso basicamente familiares ou coloquiais en que a expresión a emite un adulto dirixíndose a un cativo ou referíndose a un cativo:

(Aínda/Inda) Non lle tocar falar este ano

Ex.: Ti, a calar, que inda non che toca falar este ano.

Ex.: ¿Pero a ese cativo quen lle dixo que lle tocaba falar este ano?

● E inda tamén, en enunciados non interrogativos e en contextos en que a persoa a quen se fai referencia está presente (NON SERÍAN AXEITADAS, POIS, PARA O SEGUNDO DOS EXEMPLOS QUE PUXEMOS), formando sempre enunciado de seu e dando a entender que non se lle dá pé a alguén para que participe nun asunto:

Os de fóra dan tabaco

Os de fóra fan cigarros

Os de fóra rachan (a) leña

Quen está fóra racha a leña

Ex.: Ti, a calar, que os de fóra dan tabaco # que os de fóra rachan (a) leña # que quen está fóra racha a leña.

● Inda incluso tamén, en certos contextos normalmente asociados a ámbitos de uso coloquiais, formando enunciado de seu e dando a entender que alguén se meteu, ou se está a meter, onde non lle corresponde:

(Sempre) Van os cans onde non os chaman

Ex.: Tú cállate, que nadie te ha dado vela en este entierro.

¡Ti cala, ho, que (sempre) van os cans onde non os chaman!

NOTAS:

1. As paremias os de fóra dan tabaco, os de fóra rachan (a) leña e quen está fóra racha a leña é moi probable que procedan do ambiente dos xogos de cartas (cando menos, aí é onde máis as temos rexistrado), no cal se usan para lle dicir a alguén que está a mirar desde fóra unha partida, e que fai algún comentario respecto dela, que aqueles que non están a xogar o que deben facer é permanecer calados.

Virían a cadrar coa paremia bien juega quien mira do castelán.

E como estamos xenerosos, van hoxe dúas entradas fraseolóxicas polo prezo dunha:

Bien juega quien mira

{= Expresión con que se reprende a alguén que desde fóra está a mirar un xogo –nomeadamente de cartas– e critica algunha xogada ou fai algún comentario ou recomendación respecto do xeito de xogar dalgún dos participantes. Por extensión, tamén se aplica a quen pretende dar leccións sen se comprometer nin cooperar.}

Os de fóra dan tabaco

Os de fóra fan cigarros

Os de fóra rachan (a) leña

Quen está fóra racha a leña

Ex.: [Comentario de alguén que está a mirar unha partida de tute]: —Tal y como están las cartas, si ahora arrastra, todas suyas. [Resposta reprensiva dun dos que están a xogar]: —¡A callarse, eh, que bien juega quien mira!

—Tal e como están as cartas, se agora arrastra, todas súas. —¡A calar, eh, que os de fóra dan tabaco  que os de fóra fan cigarros  que os de fóra rachan (a) leña que quen está fóra racha a leña!

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.

- Fraseoloxía Carcamana. Dentro do blog Historia e historias da Arousa.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).


Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta