Por gcdeportes | Ribeira | 04/06/2013 | Actualizada ás 17:27
A cita será o sábado 15 de xuño co primeiro 'Ultratrail' do Barbanza. A proba, organizada pola Asociación natureza e ocio e o Concello de Riveira, percorrerá boa parte da historia da bisbarra e todas as paraxes senlleiras da península. Xa hai 173 inscritos nalgunha das dúas rutas a escoller: unha de 35 quilómetros e un desnivel medio de 1.420 metros e outra de 68 quilómetros e un desnivel de 2.430 metros.
A ruta longa transitará polo alto dos Forcados, a fervenza da Madalena, o Grallal, Iroite, as mámoas e dólmenes do Barbanza (incluído a Casota do Páramo), o monte Barbanza, a calzada romana de Vitres, a ponte da Misarela ou as ruínas do Mosteiro.
Ambas rutas terán como punto de saída e chegada o Camping Ría de Arousa 2, na parroquia ribeirense de Oleiros. A de 68 quilómetros sairá ás 7.00 horas (hora límite para rematala: 21.00 horas) e a de 35 ás 9.00 (hora límite: 19.00 horas). A organización disporá de avituallamentos ao longo do percorrido: sete na ruta longa e catro na curta.
Aínda que a proba está pensada para que deportistas cun perfil medio poidan rematala, entre os inscritos figuran corredores de primeiro nivel, como é o caso de Rubén Caamaño ou Manuel Eleuterio. A proba foi presentada polo concelleiro de Deportes de Riveira, Juan Luis Martínez, e por Eduardo Iglesias, representante da Asociación natureza e ocio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.